O románico chantadino, protagonista dun certame fotográfico internacional

Francisco Albo
Francisco albo CHANTADA / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

O arquitecto e pintor Manuel Jorge financia un concurso dedicado ao patrimonio da súa comarca natal

07 ene 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Resaltar o valor do patrimonio románico da comarca de Chantada é o obxectivo principal do concurso fotográfico Christina Snellman, cuxa primeira edición foi convocada pola asociación Amigos de Manuel Jorge, creada o pasado outubro. O colectivo foi impulsado por un grupo de persoas que organizou en Chantada -en setembro do 2016- unha exposición dedicada á obra artística do arquitecto e pintor chantadino Manuel Jorge, asentado desde 1963 na localidade alacantina de Xàbia.

O certame leva o nome da pintora finlandesa Christina Snellman, esposa do arquitecto chantadino, falecida no 2014. «O románico é moi importante para Manuel Jorge porque é en grande parte responsable de que se interesase pola arquitectura», explica Alba Sánchez, representante da asociación organizadora. «De feito, a idea de convocar este concurso foi súa e o importe dos premios será pagado integramente por el do seu propio peto», engade. Os promotores do certame sinalan que a súa finalidade non é só axudar a divulgar o valor do patrimonio medieval de Chantada, Taboada e Carballedo senón tamén promocionar a comarca dunha forma xeral.

A asociación tamén organizou recentemente un obradoiro sobre a obra de Manuel Jorge e a linguaxe fotográfica que se desenvolveu no instituto chantadino Val do Asma. A súa finalidade, segundo explica Alba Sánchez, «é recuperar a figura de Manuel Jorge e asociar máis profundamente a súa obra á comarca de Chantada». Os membros do colectivo -agrega- están agora a estudar fórmulas para que a obra pictórica do artista teña máis presenza na súa terra natal, ben a través de exposicións temporais ou ben de forma permanente. «O propio Manuel Jorge está moi interesado en que as súas pinturas veñan para Chantada», apunta Sánchez por outra parte.

 

Pouco coñecido en Galicia

Aínda que goza dun amplo prestixio como arquitecto, Manuel Jorge é pouco coñecido en Galicia, xa que desenvolveu o seu traballo noutras áreas xeográficas, principalmente na Comunidade Valenciana. O Concello de Xàbia dedicoulle unha rúa en recoñecemento á súa influencia sobre o urbanismo desta localidade. A súa obra pictórica foi mostrada en público poucas veces. A principios da década de 1960 presentou en Santiago, Madrid e Barcelona varias exposicións que tiveron unha boa acollida. A partir de entón, Manuel Jorge continuou pintando pero non quixo exhibir nin vender os seus cadros, manifestando un forte rechazo ao mundo das galerías e dos mercados artísticos. A mostra que puido verse en Chantada no 2016, titulada Pinceladas galegas, trazos mediterráneos, foi a primeira retrospectiva que se lle dedicou en Galicia.

Un total de oito premios dotados con 3.200 euros para fotos en cor e branco e negro

As bases do concurso convocado pola asociación Amigos de Manuel Jorge establecen dúas categorías, para fotografías en cor en e en branco e negro. Os traballos deben centrarse na arquitectura románica dos tres municipios da comarca chantadina. En cada un destes apartados concederase un primeiro premio dotado con mil euros, un segundo premio de catrocentos euros e dous accésits de cen euros cada un.

O certame está aberto a fotógrafos profesionais e afeccionados de calquera nacionalidade e idade. Cada participante poderá presentar ata dúas fotografías en cor ou branco e negro, pero só poderá acceder a un dos premios. Os organizadores puntualizan que o xurado valorará a calidade técnica e a creatividade, pero non aceptará «colaxes, montaxes, fotografías pintadas nin excesivamente manipuladas». O prazo de entrega permanecerrá aberto ata o 16 de abril. O xurado estará integrado por membros do colectivo convocante, da Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada e da asociación fotográfica Chíscalle. A bases completas poden consultarse no perfil de Facebook da asociación Amigos de Manuel Jorge. O colectivo organizará durante este ano unha exposición coas fotografías premiadas no certame e con outras que sexan consideradas de interese.