E ao final, provocou un gran incendio

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS CORTÉS

O pirómano de Pantón aproveitou a ocasión e calcinou preto de cen hectáreas

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Levaba meses buscándoo e ao final conseguiuno tras aproveitar a mellor ocasión posible. O pirómano que ten en albas aos veciños das parroquias de Pantón situadas na ribeira do Cabe xa ten un gran incendio no seu haber. O cálculo aínda é provisional, pero onte arderon nas parroquias de Santiago e San Fiz de Cangas preto de cen hectáreas de monte. Ademais, faltou pouco para que as chamas acadasen de madrugada as casas da aldea de Aúde e tamén correron risco as de Guende.

O lume empezou a iso das dúas da mañá na parroquia de Santiago de Cangas, nunha zona que alterna plantacións de piñeiros, manchas de arboledo autóctono e matogueira de gran densidade. Nos primeiros momentos, o lume avanzou axudado polo forte vento que sopraba nesa zona. «Foi preciso que a consellería decretase ou nivel dous, porque houbo un momento moi complicado para as casas de Aúde», explicaba onte pola mañá o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, que pasou toda a noite no monte cos responsables do dispositivo de extinción. Medio Rural decretou para este incendio o nivel dous de risco ás catro da mañá.

Os veciños desta parte de Pantón están xa acostumados ao sobresalto do fume e á trasfega dos camións e as brigadas forestais, pero onte foi distinto. Numerosos residentes nas zonas próximas saíron ao monte a botar unha man. Era evidente que os medios oficiais dispoñibles non abondaban e calquera axuda é pouca.

Alén da estrada

Finalmente, o vento empurrou o incendio á marxe dereita da estrada que leva desde Ferreira a Santo Estevo. O avance das chamas nesa dirección foi un alivio para os veciños de Aúde, pero puxo en perigo aos da aldea de Guende, situada na ladeira cara á que se dirixía a fronte máis activa. A iso das oito da mañá o perigo real desaparecera, aínda que o incendio seguía lonxe de estar controlado.

Xa de día, as brigadas dispoñibles en Pantón aproveitaban os camiños forestais e devasas para establecer un perímetro seguro ao redor da zona xa queimada. Mediante contrafuegos, foron eliminando combustible na zona exterior do incendio. A media tarde, a Consellería de Medio Rural daba este incendio por controlado.

En calquera caso, trátase do peor incendio rexistrado en Pantón nun ano que neste municipio foi pródigo neste tipo de sucesos. No tramo central do verán, repetíronse os incendios na zona comprendida entre Ferreira e o límite co municipio de Monforte, e tamén, aínda que con menor intensidade, en parroquias da ribeira do Cabe, como Espasantes, Santiago e San Fiz de Cangas. Pero nas primeiras semanas de setembro e no que vai de outono, os incendios hanse intensificado en Santiago e San Fiz de Cangas, a un ritmo de case un ao día nalgúns momentos.