Os institutos blindan os seus ciclos formativos, pero só dous teñen lista de espera

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

As dezaseis especialidades dispoñibles acadan a matrícula mínima que garante que se poderán impartir

19 sep 2017 . Actualizado ás 13:04 h.

As aproximadamente catrocentas prazas de ciclos formativos que ofrecen este curso os instituto de Monforte non se van a cubrir na súa totalidade. Iso si, os tres centros de educación secundaria da cidade teñen nestes momentos matrícula suficiente como para blindar todas as súas especialidades. Entre os tres suman dezaseis, e aínda que todas teñen cuberta a matrícula mínima para que a consellería os autorice só en dous hai máis demanda que prazas dispoñibles. O segundo prazo de matrícula segue aberto ata o día 20.

Os dous ciclos máis demandados impárteos o instituto Daviña Rey . Trátase do ciclo medio de coidados auxiliares de enfermería e o superior de educación infantil. Estes dous son os únicos que se imparten este curso en Monforte e que nestes momentos teñen lista de espera.

Segundo a información facilitada onte pola dirección dese instituto, o de educación infantil ten 45 solicitudes de matrícula e a súa capacidade máxima é de trinta estudantes. En canto ao de auxiliar de enfermería, ten 45 reservas para 25 prazas.

A de educación infantil é precisamente a única novidade da oferta de ciclos de Monforte para este novo curso. O instituto Daviña Rey conseguiu que a Consellería de Educación concedésello despois de anos de xestións, e mesmo de campañas de recollidas de firmas para reivindicalo. E na súa estrea está a responder ás expectativas. En canto ao de auxiliar de enfermería, é desde hai anos uno dos que máis demanda ten e adoita atraer alumnos de fóra da comarca.

En cambio, o ciclo medio de atención a persoas dependentes que imparte o Daviña Rey en horario nocturno, que os últimos cursos tiña lista de espera, aínda ten prazas libres nestes momentos. O tope está en vinte e cinco e hai preto de vinte persoas apuntadas.