«Todos creamos, uns nun escenario e outros na horta ou na cociña»

MIRIAM SALGADO / CARLOS CORTÉS MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CEDIDA

A autora de «O quinto inverno» dá clase na escola municipal de teatro de Sober

10 sep 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A escola municipal de teatro de Sober, a única pública e con carácter permanente que está operativa na comarca de Monforte,, ten aberto o seu prazo de matricula para o novo curso. Igual que o ano pasado, das clases encargarase Eva F. Ferreira, dramaturga nacida en Ourense en 1978 e gañadora do premio de teatro do programa Diario Cultural, da Radio Galega, cunha peza titulada Ou quinto inverno, que ten Monforte como telón de fondo e inspiración.

-Sober é o único concello do sur de Lugo que ten unha escola municipal de teatro estable. Hai pouca demanda ou é que falta sensibilidade nos concellos?

-Sensibilidade falta, desde logo. Hai moitos caixóns cheos de proxectos culturais serios que no seu momento foron desbotados. Faltan destrezas de xestión cultural; confianza na Cultura como sector estratéxico. A Cultura, como a Educación, é unha inversión a longo prazo, pero prevalece a política do inmediato, dos efectos especiais. Falta ceder espazos ás creadoras para que poidan desenvolver proxectos atractivos para esa parte da cidadanía que, malia non ser maioritaria, tamén conta. A Cultura sempre vai despois da festa.

-A súa obra ten sido definida como poesía visual. Que valor teñen as acotacións no teu traballo? As confecciona con tanto coidado como o texto en si mesmo?

-Todo fai parte do conxunto. Calquera creación, se de verdade se toma en serio a si mesma e se fai con honestidade, debe elaborarse con coidado e atención. Un texto non é diferente dunha receita, ou dun viño, por exemplo. Debes coidar cada ingrediente e dedicarlle tempo para que o resultado mereza a pena e aporte algo, sobre todo neste mundo tan saturado de produtos e experiencias. Iso pode implicar tres meses ou tres anos. Non hai présa.

-Creou vostede textos a través de fotografías. Ve algo que a inspira e crea ou a inspiración adoita vir soa e iso foron excepcións?

-Non creo na inspiración. Creo na dedicación e no traballo ben feito. Os disparadores na creación poden ser diversos. No caso da fotografía sempre traballei con Iván [Merayo] a partir de propostas súas, que obviamente no proceso de traballo foron converténdose en proxectos compartidos.

-Trata temas como a violencia de xénero, ata que punto cre que a arte, neste caso o teatro, pode servir para remover a conciencia do público?

-Para mudar calquera cousa, para deixarse sacudir de verdade, o primeiro é ter a intención de deixarse. Ningunha mensaxe, por moi potente que sexa, e independentemente do medio de transmisión, callará na mente de ninguén que non estea aberto á mudanza. Romper patróns de pensamento e conduta social non é sinxelo, pero é posible. Non é unha utopía, senón unha decisión seguida dun traballo diario. Máis que conciencia, diría que é unha cuestión de consciencia. Darse conta e facerse cargo da nosa responsabilidade na actual orde de cousas.

-No seu último traballo, que gañou o premio do xurado do certame de teatro do Diario Cultural da Radio Galega, debuxas un escenario escuro a través de Monforte. Por que?

-Se cadra é a néboa que non deixa ver… A peza vén sendo unha especie de caderno de campo das experiencias e impresións destes cinco anos vivindo aquí. Naturalmente, unha topografía marcada pola miña subxectividade. Venme á cabeza un verso de Xabier Cordal que fala de cidades «tan vencidas que pasa un tren polo seu interior». E así vexo eu Monforte. Un lugar desconectado de si mesmo e das súas capacidades; do potencial do lugar e da súa xente. Un espellismo do pasado. Falo dunha certa falta de capacidade para escoitar, e para ver. Pero tamén de abrir os ollos ao presente, descubrir as fortalezas e ir dando pequenos pasos, en vez de seguir polos camiños de sempre.

-Moitos artistas opinan que para crear algo hai que facelo desde un certo desgarro. É ese o seu caso?

-Eu creo máis ben desde a insistencia, e as máis das veces desde a resistencia. O que hoxe ten de romántica esta profesión non é o sufrimento na creación, senón seguir vivindo na precariedade dun traballo nada valorado socialmente. E pouco comprendido. Non somos diferentes nin especiais. As persoas creamos todo o tempo, só que unhas plasmamos iso nun escenario ou nun texto, e outras crean na súa cociña, na horta, no ensino… Obviamente non todos os traballos nos permiten o mesmo nivel de expresión, pero todo o mundo crea a súa realidade e os seus proxectos de vida. Pero raramente contactamos coas nosas capacidades creativas, ou coa nosa sensibilidade.