No alto do canón do Sil, onde a pedra o domina todo

carlos roda / carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

A ruta de Moura, en Nogueira de Ramuín, percorre paraxes espectaculares centos de metros por amais do río

02 sep 2017 . Actualizado ás 12:16 h.

A asociación Móvete por Nogueira, acondicionou e sinalizado recentemente diferentes rutas de sendeirismo no municipio ourensán de Nogueira de Ramuín. O seu obxectivo é dar a coñecer o notable patrimonio histórico, etnográfico e paisaxístico desta zona da Ribeira Sacra, ademais de abrir novos accesos a lugares e localizacións de gran interese, como o castro de Moura ou as espectaculares e caprichosas formacións graníticas, tan abundantes nesta zona da ribeira do canón do Sil.

O tramo desta crónica forma parte dun itinerario de maior percorrido coñecido como Ruta do Contrabando. Empeza na localidade do Alcouce e no lugar de Cabo de Vila, na parroquia de San Xoán de Moura pertencente ao municipio ourensán de Nogueira de Ramuín. Da parte alta de Cabo de Vila sae unha pista de terra que leva ao miradoiro da Lampa ou de Moura, que se atopa a unha distancia de douscentos metros. No miradoiro foron instalados bancos de pedra e unha marquesiña desde os que contemplar, de xeito sosegado, unha das mellores vistas do canón do Sil e do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Formas caprichosas

Unha vez visitado o miradoiro, hai que retornar en dirección á localidade e despois de percorridos uns cincuenta metros é preciso desviarse á esquerda por un camiño de terra que se corresponde cun dos tramos da Ruta do Contrabando. A continuación o camiño fai unha curta pendente para pasar a continuación a ser chairo e sen apenas desniveis, entre formacións rochosas de caprichosas formas e tamaños, produto de millóns de anos de erosión. Percorridos uns 750 metros chégase a unha extensa planicie denominada As Codias, onde tamén se poden ver curiosas formacións de rocas e unha excelente panorámica das ribeiras do Sil.

A ruta continúa medio quilómetro ata chegar a unha bifurcación na que é preciso seguir polo camiño da esquerda en dirección aos Penedos de Rufino, distantes 250 metros, e que ademais tamén forman parte, do mesmo xeito que o anterior, do denominado Parque Granítico de Moura.

Do camiño parte un carreiro sinalizado, duns cincuenta metros de lonxitude, que leva ata esta espectacular formación de rocas graníticas sobrepostas e en perfecto equilibrio. Desde ese lugar, o itinerario avanza por paraxes onde a pedra o domina todo, con rocas nas que miles de anos de erosión labrou figuras pétreas nas que a imaxinación fai adiviñar figuras de animais e mesmo de cabezas humanas.

Percorridos 450 metros aparece unha bifurcación. O camiño da dereita leva á Pena do Trigo, distante douscentos metros. Trátase dunha impresionante mole de pedra de gran tamaño e coa aparencia dun animal. Unha vez visitada, hai que regresar ao cruzamento anterior para seguir polo carreiro da esquerda en dirección A Pedra Longa, que se atopa a cincocentos metros. Para chegar ata ela hai un curto carreiro, sinalizado, duns cincuenta metros de lonxitude e que leva directamente ata a base deste accidente xeolóxico. A Pedra Longa non é máis que unha espectacular pedra que emerxe verticalmente do chan rochoso e que acada entre 7 e 8 metros de altura, nun equilibrio que parece desafiar a gravidade.

As vistas desde este lugar son tamén espectaculares, especialmente da ribeira de Pantón onde se poden distinguir os distintos lugares de San Vicente de Pombeiro e máis á dereita a aldea de San Cosmede. Da vertente ourensá gózase unha impresionante vista do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Unha vez vista esta curiosa formación, é preciso regresar ao camiño principal e seguir a ruta uns douscentos metros máis, ata un letreiro que indica cara á esquerda o Castro de Moura, distante medio quilómetro.

Aberto hai pouco

O camiño cara ao castro, aberto e acondicionado hai pouco, avanza entre moles de granito de formas curiosas. Para acceder á cima do castro, hai que subir entre os seus naturais defensas graníticas por un estreito carreiro. Este parte do camiño faise con certas dificultades, pero o esforzo merece a pena. Unha vez coroada a súa parte máis alta, gózase unha das mellores vistas sobre o canón do Sil. Todo un espectáculo.

Na contorna do castro emerxen curiosas formacións de rocas que ata hai pouco non se podían visitar. A zona foi limpada recentemente da maleza que a ocultaba. De volta ao camiño principal, hai que continuar setecentos metros ata saír á estrada que une Luíntra con Santo Estevo. Nesta zona atópase a necrópole megalítica de Moura, tamén denominada das Cabanas. Está formada por sete túmulos ou mámoas, enterramentos megalíticos, datados entre o 3.500 e o 2.000 antes de Cristo.