Medio século de avifauna en Monforte

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Esta fin de semana repetirase un estudo pioneiro realizado na zona en 1965 polo prestixioso ornitólogo británico Chistopher Mead

04 sep 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Esta fin de semana cúmprese exactamente medio século da primeira das dúas estancias que levou a cabo na parroquia monfortina de Distriz o ornitólogo británico Christopher Mead -falecido no 2003-, un dos primeiros científicos que puxeron de relevo a riqueza da avifauna do val de Lemos e a importancia desta territorio como zona de paso das aves migratorias. Mead visitou Distriz en 1965 e 1967, onde identificou en total 96 especies de aves. Algunhas delas figuran nas fotografías situadas xunto a estas liñas, que foron tomadas en tempos recentes en Monforte e Chantada.

As observacións realizadas por Mead en Distriz foron publicadas en 1975 na revista ornitológica Ardeola, nun traballo titulado Observations on the bird communities of three sites in north and west Iberia, que recolle tamén outras investigacións que levou a cabo nas localidades portuguesas de Morais -no distrito de Bragança- e Golegã, no distrito de Santarém. En todos estes lugares prestou especial atención á presenza das aves migrantes que se desprazan desde as Illas Británicas ata o sur da Península Ibérica e o norte de África. No censo de aves que realizou en Monforte, Mead rexistrou ademais numerosas especies -49 en total- que ao seu xuízo podían ser sedentarias ou nidificantes.

Novas observacións

Coincidindo con este aniversario, a Sociedade Galega de Ornitoloxía e o Grupo Naturalista Hábitat levarán a cabo esta fin de semana unhas xornadas de observación e anillamiento de aves no mesmo lugar. O obxectivo é realizar un novo rexistro das especies presentes na zona e detectar os cambios que poidan producirse desde que Mead efectuou os seus estudos de campo debido ás alteracións ambientais e climáticas.

Os organizadores sinalan que polo menos un destes cambios na avifauna xa se notou en anos recentes. Na actualidade pode verse na zona a curruca cabecinegra ou papuxa cabecinegra (Sylvia melanocephala), que Mead non puido rexistrar xa que se estendeu por Galicia a partir dos anos oitenta.

No 2017, coincidindo co cincuenta aniversario da segunda estancia de Mead en Distriz, está previsto convocar outras xornadas do mesmo tipo para seguir realizándoas despois de forma regular cada dous anos.