Para exercitar a mente no verán

Juan José Lage / Olalla Sánchez

LA VOZ DA ESCOLA

Chega o verán, chegan as vacacións. Chega o tempo de lecer. E chega o tempo de ler. Para moitos, chegou o momento de facer tantas cousas que non se fan en todo o ano, como ir á praia ou á piscina e nadar, andar en bicicleta no lugar de veraneo ou practicar eses xogos para os que os estudos non deixan lugar. É un tempo no que hai tanto tempo que ben se pode seguir a evidente invitación que se tira deste pensamento do ensaísta inglés Joseph Addison: «A lectura é á mente o que o exercicio ao corpo». Porque o verán tamén é tempo de facer as cousas devagar. De coller un libro e lelo sen présa, saboreándoo. E para comezar, aquí tes algunhas suxestións.

19 jun 2019 . Actualizado ás 09:01 h.

QUERO PEIXE!

Áslaug Jónsdóttir. Alvarellos Editora, 2019

Este conto islandés, centrado nunha nena que ten moi claro o que quere e nos seus pais, que despois de moitas voltas e reviravoltas ao fin a comprenden, revela, dun xeito divertido, a incapacidade que amosan ás veces os adultos para escoitar aos máis pequenos. As vivas ilustracións reforzan a emoción da protagonista da historia, creada para interactuar cos máis novos.

Prelectores (a partir de 3 anos)

ANIMALIA (2. BRANCO)

Xosé Tomás. Xerais, 2019

Segunda entrega dun orixinal, divertido e instrutivo proxecto de banda deseñada co que o autor logra que os menores se acheguen á forma de vida dos animais do mundo polar, presentados baixo unha caracterización humorística, mentres os convida a reflexionar sobre a forma de relacionarse con eles ou sobre a propia humanidade como especie. Unha lectura irónica na que cada páxina se presenta como un relato autoconclusivo.

Dende 6 anos (coa axuda dun adulto)

COMA SE FOSE PAPÁ

Daniel Nesquens. SM, 2019

Ilustracións de Ayesha L. Rubio

O pai de Mateo, de 7 anos, está enfermo e non pode acudir ao traballo. Mateo ponse a súa gravata, colle a súa carteira e preséntase na oficina. É ben acollido e desenvólvese perfectamente. Recólleo o director do colexio e mesmo ten un dez no exame de Matemáticas. Historia creativa, narrada con faísca, moito enxeño e sempre ton amable e cordial, medio en serio e medio de broma, no límite do irreal. Seguro que os lectores se sentirán cómodos póndose no papel do protagonista.

A partir de 7 anos

VIAXEIROS

Xulio Gutiérrez. Kalandraka

Ilustracións de Nicolás Fernández

O sexto título da serie Animais extraordinarios, un proxecto de gran formato nado e feito en Galicia, volve a seducir tanto polo seu contido rigoroso e comprensible para todas as idades como polas súas espectaculares ilustracións naturalistas. O completo libro amosa con gran realismo a experiencia migratoria dunha ducia de especies, dende a carreira temeraria do lemming ata a parsimonia da tartaruga boba. Unha invitación científica de impecable acabado que permite aos lectores acompañar a estes animais nas súas longas e arriscadas viaxes.

A partir de 7 anos

NON TRABES NA LINGUA

Antón Cortizas. Galaxia, 2019

O autor, un dos galegos máis destacados na arte de xuntar letras, xogar coas palabras e afondar nas posibilidades expresivas do idioma, asina este atractivo volume sobre trabalinguas que incorpora tanto algúns do autor coma outros recollidos en distintos concellos ou argallados polo alumnado de quinto de primaria do CEIP Unión Mugardesa a partir de rimas da zona. Un título de espírito lúdico («Se a costa encosta che costa, encosta as costas na costa») que, con páxinas en branco, convida aos nenos a compoñer novos textos mentres lembra a importancia de manter vivo o idioma.

A partir de 8 anos

O LOBO CON BOTAS

O Hematocrítico. Anaya, 2018

Lobo Feroz regálalle ao seu sobriño, fan de Gato con Botas, unhas vellas botas do avó que teñen un gran éxito: mesmo Caperucita quere unhas. A partir de aquí facer rico vendendo obxectos relacionados co Gato, pero desde entón os nenos están obsesionados coas compras, polo que Lobo Feroz decide investir en reconstruír o bosque que un xigante destruíra. Cunha linguaxe amena e ilustracións en cor de Alberto Vázquez adaptadas ao humor do texto, o consumismo é referente central -«converter aos nenos en máquinas de comprar cousas»- e están presentes así mesmo a solidariedade e a protección da natureza.

A partir de 8-9 anos

NOVO MUNDO. ISABEL ZENDAL NA EXPEDICIÓN DA VACINA

El Primo Ramón (Borja López Cotelo & María Olmo Béjar). Bululú, 2018

Esta evocadora obra lembra, dende o punto de vista do seu fillo, a historia da galega Isabel Zendal, a enfermeira da expedición que portou a vacina da varíola ás Américas. O entretido relato, asinado polo tándem artístico de dous arquitectos coruñeses, reálzase con coidadas ilustracións que permiten aos pequenos lectores bosquexar como era a cidade herculina a comezos do século XIX.

A partir de 10 anos 

PABLO E As POMBAS

Marcos Calveiro. Edelvives, 2019

Biografía novelada ou andanzas de Picasso cos seus amigos pola Coruña, cidade na que se instalou en 1891, con 10 anos (curioso, traveso, perseverante) tras obter o seu pai unha praza como profesor na Escola de Belas Artes, á que agarraches polas tardes e é o benxamín dos alumnos. Falece a súa irmá menor de tosferina e aos 13 anos fai a súa primeira exposición nunha tenda da rúa Real. Os capítulos 1, 6 e 11 son os recordos da súa infancia xa con 90 anos.

Ilustracións en branco e negro de María Pascual, apoiando gráficamente algunhas secuencias da historia.

A partir de 12 anos 

CANDO HITLER ROUBOU O COELLO ROSA

Judith Kerr. Loqueleo, 2016

Novela semiautobiográfica da escritora e ilustradora de orixe xudía (Berlín, 1923?Londres, 2019), filla do poeta e crítico Alfred Kerr e exiliada a Inglaterra tras a subida ao poder de Hitler. A familia de Anne foxe de Alemaña en 1933, cando ela ten 9 anos e o seu irmán 12, ante a proximidade das eleccións que gaña o partido nazi, e o seu coello de peluche pérdese en Berlín. É unha historia entretida, con anécdotas curiosas e significativas, contada con tenrura, que retrata a psicoloxía dunha nena obrigada a enfrontarse a un mundo hostil e descoñecido. Diálogos moi naturais. Ten unha segunda parte: Na batalla de Inglaterra.

A tradución é de María Luisa Balseiro. Está ilustrado por Adolfo Serra.

A partir de 12 anos 

UN MONSTRO VÉN A Verme

Patrick Ness. Nube de Tinta, 2106

Conor ten 13 anos e vive coa súa nai, enferma de cancro terminal, e a súa avoa. Padece acoso dos seus compañeiros. A súa avoa é unha persoa distante e co seu pai non se relaciona. Un tezo (árbore dos deuses e a morte) transformado en monstro preséntaselle todas as noites e dille que lle contará tres historias e el contaralle a cuarta. As historias do monstro teñen relación coas contradicións humanas. Na terceira, a máis real, coa axuda do monstro deféndese do seu acosador. Na cuarta non é capaz de suxeitar á súa nai, que cae por un precipicio. «Como loitar contra as túas contradicións internas?»: asumindo a verdade, dille o monstro.

O tema é o tránsito da infancia á madurez. Baseada nunha idea de Siobhan Dowd, que non puido finalizala tras falecer de cancro, o prólogo é de J. A. Bayona e a tradución de Carlos Jiménez Arribas. Foi adaptada ao cine co mesmo título.

A partir de 12-13 anos 

APLICACIÓN INSTANTÁNEA

Carlos Negro. Xerais, 2018

Estaba chamado a marcar un antes e un despois na literatura para mozos, e conseguiuno. Este libro, arriscado pero moi exitoso, logrou este ano que moitos adolescentes se entregasen con entusiasmo á poesía ao verse representados nas voces protagonistas, eses catro avatares irreverentes que, en verso, e tras unha presentación instagrameira, abordan con naturalidade temas como a lingua, os medos da idade ou a violencia contra a muller. Un volume de alta calidade poética vencedor do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2018.

Dende 14-15 anos