Crenzas sen base científica

Ana T. Jack

LA VOZ DA ESCOLA

La infancia es la edad del juego, del desarrollo de las funciones ejecutivas
A infancia é a idade do xogo, do desenvolvemento das funcións executivas CARMELA QUEIJEIRO

Os neuromitos levan a interpretacións erróneas e falsas expectativas

01 may 2019 . Actualizado ás 22:36 h.

O perigo dos neuromitos ou interpretacións incorrectas das investigacións científicas sobre o cerebro descríbeo moi ben Catherine L'Ecuyer, autora de Educar no asombro e Educar na realidade, co seguinte exemplo: «O neuromito de que canto antes e canto máis mellor fíxonos moito dano ás familias. É o que nos levou a xustificar que os nosos fillos se escolaricen canto antes, vexan vídeos ou utilicen aplicacións que supostamente estimulan a súa intelixencia, teñan deberes no parvulario, clases de inglés con 2 anos, unha chea de extraescolares e, en definitiva, unha axenda que se parece máis á dun pequeno executivo tenso que a outra cousa». E engade: «A infancia é a idade do xogo, da imaxinación, do desenvolvemento das funcións executivas; a etapa de tocar, de cheirar, de saír á natureza, de mancharse e… de gozar dos pais. Así que non ten ningún sentido empezar a casa polo tellado facendo o contrario, saturando e hiperestimulando con actividades».

O descoñecemento, as interpretacións erróneas, o efecto placebo e, por suposto, os intereses empresariais e económicos facilitaron que, ao longo dos últimos anos, as familias teñan caído no atractivo da estimulación temperá para bebés (sen precisalo), nas clases de chinés por aproveitar ese cerebro que é unha esponxa ou na compra dunhas carísimas neurogafas especiais para curar a dislexia, por pór tres exemplos.

COÑECER O CEREBRO

Coñecer e estar informados o funcionamento do cerebro e do desenvolvemento cognitivo con bases científicas pódenos axudar, como pais, na toma de decisións en relación co que debemos ofrecer e esixir aos nosos fillos. O que podemos ter claro é que o apego seguro, o afecto incondicional, a estimulación natural e os límites educativos son as guías que nunca fallan para conseguir un desenvolvemento cerebral óptimo.

 

Verdade ou mentira

Para pór a proba os coñecementos básicos sobre neurociencia, expomos 20 cuestións acerca do funcionamento e desenvolvemento do cerebro. Algunhas son verdadeiras e outras son simples neuromitos.

Responde se son correctas (Si) ou non o son (Non) as seguintes afirmacións:

1. Só usamos o 10 % do noso cerebro.

2. A aprendizaxe da lingua materna ten que ser anterior á adquisición dunha segunda lingua. En caso contrario, producirase interferencia das dúas linguas de forma permanente.

3. O estrés crónico afecta negativamente ao funcionamento do cerebro.

4. Hai períodos críticos na infancia despois dos cales certas cousas xa non poderán aprenderse.

5. Escoitar música de Mozart durante o embarazo potencia a intelixencia do futuro bebé.

6. Os ritmos circadianos (reloxo corporal) cambian durante a adolescencia e poden chegar a orixinar cansazo nos alumnos durante as primeiras clases do horario escolar.

7. O exercicio físico mellora as funcións mentais.

8. Os problemas de aprendizaxe asociados a diferenzas de desenvolvemento nas funcións cerebrais non poden remediarse mediante a educación.

9. Hai períodos sensibles na infancia nos que é máis doado aprender cousas.

10. Cando durmimos cesa a actividade cerebral.

11. A produción de novas conexións cerebrais continúa na vellez.

12. O éxito académico pode verse afectado por saltarse o almorzo.

13. O cerebro pódese encoller se non se beben de catro a seis vasos de auga ao día.

14. Cando unha rexión cerebral está danada outras partes do cerebro poden asumir a súa función.

15. Os hemisferios dereito e esquerdo do cerebro traballan conxuntamente.

16. O cerebro aprende mellor se hai emoción.

17. Mellórase a aprendizaxe individual se a información achegada dáse no estilo de aprendizaxe preferente (visual, auditivo…).

18. A inxesta continuada de bebidas con cafeína reduce a atención.

19. Usamos o noso cerebro as 24 horas do día.

20. Consumir bebidas azucaradas ou lambetadas reduce a capacidade de atención durante a hora posterior á súa inxesta.

SOLUCIÓNS

Son verdadeiras as afirmacións 3, 6, 7, 9, 11, 12, 14, 15, 16, 18 e 19.

Son falsas as afirmacións 1, 2, 4, 5, 8, 10, 13, 17 e 20.

escola de familias 

? TEMA DO MES: Que é a neuroeducación.

? ETAPA: Infancia e adolescencia.

? A FRASE: «Hai infinidade de programas milagre que prometen desenvolver a intelixencia do neno. Posiblemente a razón pola que moitos deles fracasan é porque o seu principal interese é acelerar o proceso natural do desenvolvemento cerebral, coa idea de que chegar antes permite chegar máis lonxe» (Álvaro Bilbao).

? O DATO: «O modo no que aprenden os nenos é en contextos lúdicos: por iso habería que deixalos xogar, no canto de mandarlles deberes» (Francisco Mora , autor de «Mitos e verdades do cerebro»).

? ALGUNHAS CLAVES: Analizar de forma crítica as opcións educativas ás que se lles engade o prefixo «neuro-» para escoller as que teñen base científica e descartar as relacionadas coa pura mercadotecnia.

? PARA SABER MÁIS: «Neuromitos en educación», artigo divulgativo e moi clarificador do blogue «Escola con cerebro», de Jesús C. Guillén, astrofísico e investigador da Universidade de Barcelona. Este é a ligazón: https://bit.ly/2Krubkl