«Nos colexios debemos fomentar o aforro e uso eficiente da auga»

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DA ESCOLA

Julio Masid, director de Viaqua
Julio Masid, director de Viaqua

ENTREVISTA | XULLO MASID DIRECTOR DE VIAQUA

24 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Julio Masid é o director de Viaqua. E Viaqua é a empresa que, xunto con este xornal, convocou unha nova edición do concurso Galicia, Auga, Literatura e Rap, dirixido a alumnos de entre 6 e 16 anos. Trátase de entregar un vídeo «a modo de rap» sobre momentos cumes das grandes obras da literatura galega nas que estea presente a auga. E é que Viaqua é unha empresa do sector do medio ambiente que xestiona todos os procesos que teñen algo que ver co ciclo integral da auga en Galicia.

-A primeira pregunta é obvia: vostede rapea ou polo menos ten rap en casa?

-Pois a verdade é que non rapeo, podería ser o fin do rap se o fixese. De cando en vez escoito rap, pero é porque mo pon a miña filla, que baila danza urbana e hip-hop, e o rap é un estilo moi utilizado nesta modalidade de baile.

-Pero auga si ten na súa casa. Como fai para non malgastala?

-Os maiores consumos de auga no fogar prodúcense, e por esta orde, no váter, a lavadora e a ducha. Polo tanto debemos ter electrodomésticos eficientes, váter con dobre botón de descarga e non esquecer que en 10 minutos de ducha podemos gastar 200 litros de auga; é dicir, 20 litros cada minuto, de maneira que o recomendable sería non estar máis de cinco minutos baixo a ducha.

-Cre que nos colexios se malgasta?

-Creo que se pode facer sempre un uso máis responsable e gastar menos. Neste sentido, debemos fomentar o aforro e uso eficiente de auga por parte dos alumnos, con información e concienciación. Pero, ademais, os colexios deberían instalar billas, váteres e equipos de consumo eficiente, xa que isto pode reducir moitas veces máis dun 50 % ese consumo.

-Auga que non has de beber déixaa correr. Que quere dicir iso?

-É un refrán que se utiliza para aqueles casos de intromisión en asuntos alleos, algo así como zapateiro aos teus zapatos.

-Por que pode o rap a axudar a coñecer esa gran descoñecida que é a auga?

-Temos que concienciarnos todos da gran importancia que ten a auga, o noso elemento básico sen o que non sería posible a vida. Para iso temos que utilizar todos os medios que nos permitan chegar aos cidadáns, e sobre todo aos máis novos, pois eles son o futuro. Mediante o rap podemos conseguilo, xa que é un estilo de música moi xuvenil que pode ser moi útil para transmitir mensaxes.

-A aqueles que din que o rap non dá bo exemplo nas nosas escolas e institutos, que lles contestaría?

-O rap é unha canle, un estilo, unha ferramenta, unha forma de comunicarnos. Mediante a música transmitimos cultura e divulgamos mensaxes. A música non é boa ou mala. O fin con que a usemos é o que debemos xulgar.