Mamá, papá: necesito límites!

Ana T. Jack

LA VOZ DA ESCOLA

Pixabay

Os fillos precisan guiarse por unhas normas básicas para crecer con seguridade

22 mares 2019 . Actualizado ás 09:14 h.

«Se non lle dou ao meu fillo todo o que me pide, pode pensar que non lle quero». Aínda que esta frase pode parecer irreal polo absurdo do razoamento, é máis habitual do que cabe imaxinar en pais e nais que temen perder o cariño e o respecto dos seus propios fillos. Cando o certo é que é xustamente ao revés: os nenos séntense valorados, apreciados e seguros de si mesmos cando se lles pon uns límites razoables e se lles esixe o seu cumprimento. O que significa transmitirlles as regras do xogo aos poucos, pero desde o minuto cero, adaptándose á súa idade e momento de madurez. É esaxerado empezar a pór normas a un bebé de apenas uns meses? Para nada: simplemente vai permitir que o neno interiorice de forma natural que existen unhas guías ou límites que lle axudarán a vivir en sociedade e que están supervisadas polas persoas que máis lle queren no mundo: a súa familia.

Por tramos de idades, estas son algunhas pautas xerais:

De 0 a 3 anos. As rutinas e os límites son necesarios desde os primeiros anos de vida. As aprendizaxes que non se producen no momento oportuno son moito máis difíciles de adquirir con posterioridade. Por iso é tan importante establecer rutinas adecuadas relacionadas co soño, a comida ou os límites da conduta.

De 3 a 6 anos. Neste período fundamental na formación da personalidade e na interiorización das normas de convivencia hai que transmitir a mensaxe de que certos tipos de comportamento son de todo inaceptables, incluso aínda que o neno non entenda por que. Así, na categoría do estritamente prohibido deberíanse atopar as condutas que fan dano a outras persoas (como pegar, morder, tirar do pelo, dar puñadas ou empuxar) e as que poderían pór en perigo a súa propia integridade (como intentar meter os dedos no enchufe, xogar cos coitelos ou soltarse a man para cruzar a rúa).

A partir dos 6 anos. O neno xa debería saber con bastante claridade que cousas pode facer e cales non. De feito, un menor desta idade que teña aprendido a obedecer non terá ningún problema para adaptarse ás normas do colexio. Pero ai do que non teña coñecido os límites ata ese momento! Con toda probabilidade comezará a educación primaria con conflitos e visitas frecuentes ao xefe de estudos.

Entre 9 e 12 anos. Ese mesmo neno ao que os seus pais nunca puxeron límites só estudará cando lle praza, retará aos seus pais constantemente e aínda non será capaz de respectar aos demais. Pola contra, o que desde a infancia tivera uns límites definidos non terá especiais problemas de conduta e irá combinando os intereses propios cos dos seus pais. Porque a negociación das normas si é algo típico desta idade.

Na adolescencia. Poden aparecer os comportamentos de rebeldía, o desafío á autoridade ou o cuestionamento das normas como parte do proceso natural de procura da propia identidade. Deixou de ser neno, pero aínda non é adulto, e o grupo de iguais ten unha grande influencia sobre el. Pero os primeiros e máis importantes educadores seguen sendo os pais, que deben incidir en que asuman as consecuencias da súa conduta, acepten as frustracións e autocontrolen os seus impulsos. Tamén na adolescencia hai que facer un esforzo por manter uns límites educativos (aínda que claro que custa máis!, xa non é un dócil…). Só así se converterá en adulto responsable e feliz.

Non é non

Recollemos as diferenzas entre establecer ou non un estilo educativo baseado no cumprimento dunhas normas básicas ou con ausencia delas:

LÍMITES BRANDOS OU AUSENCIA DE NORMAS

  • Como son?
    • As normas non están claras: ás veces cambian.
    • Envíanse dobres mensaxes: si, pero non.
    • O incumprimento de normas non ten consecuencias (ou si, depende do día).
    • Ás veces cóntanse mentiras para lograr a conduta desexada.
    • Hai moitas ameazas e berros, pero ao final os castigos levántanse.
    • Dise a todo que si.
  • Que provocan?
    • Desobediencia.
    • Loita de poder («eu teño o mesmo dereito que ti»).
    • Falta de respecto.
    • Traspásanse os límites.
  • Que ensinan? Os nenos pensan:
    • Non significa si ou talvez.
    • En realidade os meus pais non esperan que cumpra as normas.
    • As normas non son para min.
    • Os adultos son os responsables dos meus actos.
    • Os meus pais non son consecuentes co que predican.

LÍMITES FIRMES, NORMAS CLARAS

  • Como son?
    • Hai indicacións claras e directas cara a condutas concretas.
    • Esíxese obediencia.
    • Outórgase responsabilidade.
    • Infórmase con claridade das consecuencias.
    • As palabras apóianse na acción (se se prometeu un premio ou un castigo, cúmprese).
  • Que provocan?
    • Cooperación.
    • Comprensión e cumprimento das normas.
    • Respecto mutuo.
  • Que ensinan? Os nenos pensan:
    • Non significa non.
    • Os meus pais esperan e esíxenme que cumpra as normas.
    • Son responsable dos meus actos.
    • Os adultos son consecuentes co que establecen.

escuela de familias 

? TEMA DO MES: Disciplina positiva.

 

? ETAPA: Infancia e adolescencia.

 

? A FRASE: «Axúdame a facelo por min mesmo» (María Montessori).

 

? ALGUNHAS CLAVES: Establecer poucas regras, pero claras e concisas.

 

? COMPORTAMENTOS QUE SE DEBEN EVITAR: Pensar que na adolescencia xa non precisan normas nin supervisión porque son xa maiores e responsables.

 

? PARA SABER MÁIS: «A importancia dos límites e a autoridade positiva», documento elaborado pola Asociación Profesional de Orientadores de Castela-A Mancha (Apoclam), para a súa sección web Educación en Familia: https://bit.ly/2HBoKh4