As aves da auga

Antonio Sandoval Rey

LA VOZ DA ESCOLA

En moitos dos máis importantes humidais de Galicia construíronse sinxelos miradoiros ornitolóxicos desde os que é doado observar aves acuáticas
En moitos dous máis importantes humidais de Galicia construíronse sinxelos miradoiros ornitolóxicos desde vos que é doado observar aves acuáticas MARUXA ALFONSO

O inverno é a mellor estación para observar as especies acuáticas en Galicia

09 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Cada xaneiro cóntanse en toda Europa as aves acuáticas que pasan este mes tan frío nos humidais do continente, tanto de interior como litorais. Coñécese así cantos individuos de cada especie de pato, garza, gaivota, corvo mariño e moitas outras utilizan as nosas lagoas, encoros, rías ou baías. Eses datos son de enorme valor por varios motivos.

Seica o máis importante sexa coñecer o estado de saúde dos lugares que habitan esas aves, todos deles de grande interese ecolóxico e a miúdo compartidos connosco, os humanos, xa como reservas de auga doce, xa como zonas de pesca ou marisqueo ou xa como lugares de atractivo turístico, por citar só tres dos seus moitos aproveitamentos.

Mentres as cifras e a diversidade das aves que viven de cada un deles se manteñan ao longo dos anos, ou melloren, saberemos que as cousas van ben para elas e para nós. Se en cambio a tendencia é á baixa, é urxente investigar por que. Sucede só nese humidal en concreto ou nesa rexión, ou a nivel continental? Da resposta dependerán as medidas que conveña adoptar por parte das poboacións e autoridades só locais ou das internacionais.

En Galicia a Xunta encarga un censo oficial, e a Sociedade Galega de Historia Natural realiza o seu. Outras entidades e varios particulares, ademais, contan aves nas súas zonas máis próximas e comparten a súa información.

O CENSO OFICIAL

No censo oficial máis recente, realizado hai un ano pola empresa Arcea Xestión de Recursos Naturais para a Xunta de Galicia, contáronse na comunidade 130.142 aves acuáticas e mariñas de 82 especies diferentes. Delas, 81.162 foron gaivotas, máis da metade patiamarelas.

Entre os patos, destacaron, como cada ano, polas súas cifras os lavancos, con 9.733 exemplares, seguidos polos asubiadores, con 4.628. Entre as limícolas, aves da beira que se alimentan no lodo, foron os máis numerosos, como é tamén habitual, os pilros comúns, con 6.979 exemplares.

Cada vez máis persoas están convencidas da necesidade de conservar as aves e das moitas vantaxes que obtemos, tanto no plano persoal como no social, económico e incluso cultural, da súa compañía. Van quedando así atrás os tempos nos que por ignorancia se desprezaban. De feito, as leis protéxenas e os tribunais condenan con crecente firmeza o seu maltrato, á vez que en máis e máis lugares se favorece a súa presenza mesmo mediante obras públicas. Entre outros motivos, para mellorar a nosa calidade de vida mediante a creación de espazos ricos en biodiversidade.

Imaxinas como sería un futuro sen aves? Non, mellor non pensalo. Moito mellor acudir a ver como é de fermoso este presente que compartimos con elas. Por exemplo, nestas datas, ir de visita a calquera dos nosos humidais, para gozar alí da súa observación, estudo ou mera contemplación. E, por que non?, tamén para contalas.

  • Podes consultar o censo completo de hai un ano na web https://bit.ly/2GPQlL6.
  • Páxina web da Sociedade Galega de Historia Natural: https://sghn.org/

 

Como e onde ir de observación

A observación de aves é unha das afeccións que máis crece nos últimos tempos. Canto necesitas para practicala son uns prismáticos de entre 8 e 10 aumentos, unha guía que che axude a identificar as diferentes especies que vexas e un caderno no que apuntar os teus rexistros, números e dúbidas. Se tes unha cámara de fotos con suficiente zoom, lévaa tamén contigo. O mesmo que suficiente abrigo, auga, calzado cómodo, un paraugas se anuncian algún chuvasco e todo canto che faga o paseo máis agradable.

É moito máis divertido e seguro ir observar aves en compañía. Se che apetece, podes mesmo apuntarte ás excursións ornitolóxicas que ao longo do ano organizan numerosos concellos e varias asociacións medioambientalistas en distintas zonas. Por exemplo, proba a pórte en contacto coa Sociedade Galega de Ornitoloxía (http://sgosgo.org/) ou co grupo local de SEO/BirdLife de Pontevedra (http://seopontevedra.blogspot.com/). Tamén podes convencer aos teus profes e ao teu centro educativo de que vos organice unha excursión ornitolóxica guiada por unha empresa especializada en educación ambiental.

ONDE OBSERVALAS

Estes son algúns dos humidais de Galicia nos que é máis cómodo observar aves acuáticas, grazas a que non adoitan estar demasiado lonxe, existen paseos cómodos e observatorios, e as súas cifras e diversidade son máis altas:

  • Enseada do Grove
  • Ría de Ribadeo
  • Ría de Ortigueira
  • Lagoa de Cospeito
  • Lagoa da Frouxeira
  • Ría do Burgo
  • Encoro de Abegondo-Cecebre
  • Enseada da Ínsua
  • Esteiro do Miño 

Por suposto, hai moitos outros. Seguro que non moi lonxe de onde vives existe máis de un. Non acollerá miles, nin sequera centos, de aves, pero seguro que si máis que suficientes para pasar un bo intre mirándoas.

Para chegar ata os mellores puntos de observación de todos estes lugares, visita a web https://bit.ly/2s7Bamb

As habitantes máis comúns dos humidais

Patos

Antonio Sandoval

Os máis comúns son os lavancos e os asubiadores. Nos teus paseos, busca ademais outras especies, como o cullerete, o parrulo cristado e a cerceta.

Garzas e garzotas

Antonio Sandoval

Probablemente sexan das que atopes primeiro, grazas á súa vistosidade. As garzas reais son máis fáciles de ver do que parece. As garzotas prefiren sobre todo os humidais litorais.

Gaivotas 

Antonio Sandoval

Hai moitas máis especies do que parece. As máis frecuentes en Galicia no inverno son a patiamarela, a chorona, a escura e a cabecinegra. A de maior tamaño é o gaivotón.

Limícolas 

ANTONIO SANDOVAL

Moitas especies de aves de longas patas viven nas beiras dos nosos humidais, onde obteñen o seu sustento grazas á súa agudeza visual ou ás súas diferentes lonxitudes de picos. Entre os máis pequenos, destacan por exemplo os pilros comúns. E entre os maiores, os mazaricos reais, os chiadores ou os rabinegros. As máis rechamantes son as gabitas.

Corvos mariños 

Antonio Sandoval

Temos dúas especies, o corvo mariño cristado e o corvo mariño grande. O primeiro vive só en zonas mariñas, mentres que o segundo se distribúe por diferentes tipos de humidais.

Mergullóns 

Antonio Sandoval

Os mergullóns pequenos son moi pequenos: caben na palma da man. Mergullan para atopar o seu alimento baixo as augas de rías, lagoas e encoros. Os mergullóns cristados seica son as nosas aves acuáticas máis bonitas.

Outras aves

Antonio Sandoval

Son moitas outras as especies de aves que podes atopar nos teus paseos polos nosos humidais: cisnes, picapeixes, aguias pescadoras, cullereiros, movellas… Ás que poderás sumar todas as que viven nos campos e bosques que rodean as beiras. Moita sorte coas túas observacións!