Os pequenos do instituto

Ana T. Jack

LA VOZ DA ESCOLA

La adaptación a la ESO depende, entre otras competencias, de la capacidad de cálculo
A adaptación á ESO depende , entre outras competencias, da capacidade de cálculo Santi M. Amil

Estrearse na ESO esixe un esforzo de adaptación académica e social

17 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Mes de outubro, aula de 1.º de ESO dun instituto calquera de Galicia: preto de 30 alumnos de 12 anos (algúns, xa de 13: hai dous repetidores) intentan seguir o ritmo do profesor de Matemáticas. É verdade que o verán fixo estragos no que supostamente viña aprendido de primaria. Pero tamén é certo que os cambios hormonais levan a uns cantos a estar máis pendentes da moza nova ou do compañeiro de atrás que non para de facer chistes que da explicación do máximo común divisor e do mínimo común múltiplo. Ademais, dentro do grupo hainos que van sobrados. De feito, dúas mozas comezaron este curso en Estalmat Galicia, o programa de estímulo do talento en matemáticas ao que acoden cada sábado. Pero, ademais de tres alumnos que presentan dificultades de aprendizaxe e un diagnosticado de trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH), hai dúas que chegaron á ESO sen Matemáticas de sexto aprobadas. Estes últimos, os que teñen materias suspensas de primaria, son os que máis risco teñen de perderse. E logo están os que veñen do estranxeiro, sen dominar o galego e apenas o castelán. A pesar de que se poñan en marcha todas as medidas de atención á diversidade, ordinarias e extraordinarias, que contempla a lei, o esforzo do profesorado por adaptarse a este alumnado e do alumnado por seguir o ritmo de esixencia da nova etapa… é máis que considerable.

A nivel académico, a aclimatación deste alumnado á ESO vai depender en gran medida do dominio de catro competencias básicas:

1. Comprensión lectora. Se non existe unha boa comprensión lectora, ou non se consegue a unha velocidade adecuada, faise moi complicado superar os cursos de secundaria.

2. Cálculo. Dominar as operacións aritméticas básicas, saber interpretar os enunciados dos problemas e ter certa soltura co cálculo mental.

3. Expresión escrita. Para obter boas cualificacións é necesario saber redactar e expor as ideas de forma lóxica e ordenada.

4. Hábitos de estudo e autonomía de traballo. Entrega de traballos, preparación de exames… son responsabilidade do estudante, aínda que os pais teñen que supervisar.

En canto a adaptación emocional, o maior ou menor dominio das habilidades sociais e de comunicación facilitará ou entorpecerá a integración de cada un deles en grupos de amizades, que cada vez son máis definidos. Hainos que non teñen ningún problema en sentirse a gusto cos novos compañeiros. Pero tamén hai máis dun que viven nunha permanente angustia porque non lles tocou na mesma aula que os seus amigos ou porque se senten illados e incapaces de formar parte do seu grupo de iguais. Neste curso, talvez máis que en ningún outro, obsérvanse grandes diferenzas en canto á madurez persoal acadada por cada un deles. E estas diferenzas fanse moi evidentes no momento do recreo: aínda ven grupos de rapaces que se dedican a xogar ao pilla-pilla, mentres que outros prefiren charlar das súas cousas ou mesmo ir á biblioteca e repasar a materia da seguinte clase. Por suposto, máis dun colócase os auriculares nos oídos e conecta o seu smartphone para xogar, escoitar música ou… simplemente disimular a súa soidade.

AULA DE PAIS 

? TEMA DO MES: A adaptación ás diferentes etapas.

? ETAPA: ESO.

? ALGUNHAS CLAVES: Todo estudante que entre na nova etapa sabendo o que é a perseveranza e o esforzo ten moitas máis posibilidades de acadar o éxito.

? ERROS A Evitar: Continuar sacando as castañas do lume aos fillos a través dos grupos de WhatsApp de pais ou con sobreprotección.

? PARA SABER MÁIS: «A transición da educación primaria á educación secundaria: suxestións para pais» (Isorna, Navia e Felpeto), «Revista de Innovación Educativa», da USC. N.º 23. https://bit.ly/2NwNYuI

QUE É O QUE CAMBIA?

PROFESORADO: O titor está cos seus alumnos a maior parte da xornada (primaria). / En xeral, cada cincuenta minutos cambia o profesor (ESO).

MÉTODO: O traballo individual do alumno é supervisado polo profesor. / Contidos máis abstractos esixen maior atención e concentración por parte do alumno.

TUTORÍA: Non hai unha hora dedicada a tutoría. / Hai unha hora semanal dedicada a ela, na que o grupo de alumnos fala co titor das súas dificultades e trabállanse temas emocionais, de prevención, técnicas de estudo…

MATERIAS: Nove. / Once.

REPETICIÓNS: Unha vez en toda a etapa (en calquera curso). / Dúas veces máximo na etapa (unha por curso, non se pode «tripitir», salvo en 4.º se non se repetiu antes).

HORARIO: 25 sesións á semana. / 32 sesións á semana.

RECUPERACIÓNS: É avaliación continua. / Hai exames de setembro.

PROMOCIÓN: A referencia son os obxectivos de etapa e a consecución das competencias básicas. / Pasan de curso se aproban todo ou suspenden un máximo de dous, sempre que non sexan de forma simultánea Matemáticas e Lingua Castellana ou Galega (hai algunhas excepcións).

AUTONOMÍA: O titor controla o traballo individual de cada alumno. / Os exames son máis espaciados, cunha esixencia maior de contidos, o que obriga a programar mellor o tempo de estudo (levalo ao día, planificar repasos...).

ATENCIÓN A La DIVERSIDADES: Os reforzos educativos son máis doados de realizar cando un mesmo profesor pasa máis horas co alumno. / Ademais dos apoios que tamén se fan en primaria (reforzos e ACS), poden organizarse agrupamientos específicos, exencións na segunda lingua estranxeira, desdobres...