«A nosa escola apoia o noso traballo»

Cristóbal Ramírez

LA VOZ DA ESCOLA

As irmás Amy e Ela Meek, impulsoras da campaña para recoller refugallos de plástico do mar
As irmás Amy e Ela Meek, impulsoras dá campaña para recoller refugallos de plástico do mar ANGEL MANSO

Entrevista a Amy e Ela Meek, promotoras da campaña Kids Against Plastic

10 oct 2018 . Actualizado ás 11:49 h.

Amy e Ela Meek teñen 14 e 12 anos, respectivamente. Elas puxeron en marcha a campaña Kids Against Plastic (Rapaces Contra o Plástico). Estas dúas irmás de Arnold (Nottinghamshire, Inglaterra) propuxéronse recoller entre todos os seus seguidores 100.000 refugallos, un por cada mamífero mariño morto nos océanos cada ano a causa do plástico… e xa levan máis de 50.000!

-Como xurdiu a idea?

 -Kids Against Plastic comezou como un proxecto escolar en casa fai uns tres anos, cando os nosos pais nos educaban alí. Estabamos a estudar os dezasete obxectivos mundiais das Nacións Unidas para o desenvolvemento sustentable. E decidimos facer algo por nós mesmas con relación ao plástico.

-Cal foi a reacción no voso centro de estudo? 

-A nosa escola apoia moito o noso traballo. Dános tempo para visitar outros centros e asistir a conferencias ou festivais como Mar de Mares, na Coruña, onde estivemos o mes pasado.

-Que se pode facer na escola para reducir o consumo de plástico? 

-É case imposible liberarse del, pero os centros poden reducir as vendas de botellas de plástico, substituíndoas por latas (que son totalmente reciclables) e proporcionando máis fontes de auga para que os nenos poidan encher as súas botellas reutilizables. E os cubertos de plástico pódense cambiar por outros.

-Defenden máis o uso do plástico as persoas da vosa idade ou os adultos?

 -O tema da contaminación plástica aparece cada vez máis nas noticias, polo que cremos que as persoas son moito máis conscientes do problema. As xeracións anteriores poden lembrar como era a vida antes de que o plástico se convertese no material omnipresente que é hoxe en día. Con todo, a moitos adultos gústalles e, ata que se atope unha alternativa adecuada, non cambiarán. Pensamos que os nenos poden e están comprometidos co tema e son quen marcan a diferenza. Despois de todo, imos herdar o problema.

-Dade tres ideas moi concretas para reducir o consumo de plástico.

 -Primeira, leve con vostede artigos reutilizables, como unha bolsa reutilizable, unha botella de auga reutilizable e un mug (unha cunca) de café reutilizable. Segunda, néguese a comprar artigos en plástico dun só uso sempre que poida e tente atopar alternativas que non estean envoltas en plástico. E terceira, divulgar e animar os demais a reducir a cantidade de plástico que usan nas súas vidas.

-E tres cousas feitas del que son intocables?

 -Ás veces o plástico é inevitable. O utilizado no mundo da medicina cumpre unha función e, ata que se atope unha alternativa segura, seguirase empregando.

Medra o interese das rapazas pola ciencia

Unha ollada atrás no tempo confirma que se cometeron erros gordos no eido científico. A ideoloxía, as convencións sociais e mesmo a relixión conformaron ideas fixas que o tempo demostrou que eran rotundamente falsas. Por exemplo, durante séculos negouse que as mulleres tivesen a suficiente capacidade mental e as mesmas aptitudes e inquedanzas para seren científicas que os homes.

O exemplo de que tal cousa era un erro monumental pode ser a entrevista desta mesma páxina -dúas rapazas encabezando unha loita contra a contaminación por plástico- ou a tema da seguinte -o premio Nobel de Física concedido a unha muller-, pero tamén a multitude de preguntas feitas por estudantes de primaria e da ESO de toda Galicia aos científicos que colaboran con este suplemento. E como para mostra un botón, seleccionamos algunhas dos anos 2006 e 2007, coa resposta que dende os Museos Científicos Coruñeses se lles deu naqueles momentos.

A primeira é de María Aymerich López, de Santiago, quen quería saber se funcionaría un compás fóra da Terra. E contestábaselle: «Todos os planetas do sistema solar, coa excepción de Venus, posúen un campo magnético más ou menos intenso (que ao igual que na Terra, non ten por que coincidir exactamente co norte xeográfico). O Sol tamén posúe o seu propio campo magnético, pero cunha estrutura tan complexa que en cada sitio o compás apuntaría nunha dirección distinta».

Pola súa banda, Mabel, que entón estudaba nos maristas en Ourense, estaba intrigada porque os paxaros non se electrocutan cando se apoian nos postes da luz. «A electricidade viaxa polo cable porque non atopa a forma de ir cara ao chan, que é a súa tendencia natural. Mentres o paxaro só estea en contacto co cable non lle ocorrerá nada, pero no momento que toque algo que estea en contacto co chan (un poste ou a rama dunha árbore) unha gran cantidade de corrente atravesarao para dirixirse cara alí», era a resposta.

E, en fin, dende Mos (Pontevedra) Laura Bastos estaba interesada en saber se se pode almacenar a electricidade. Contestóuselle así: «Si, e seguro que coñeces máis dunha forma de enerxía eléctrica almacenada. Por exemplo, unha pila das que utiliza un xoguete, un reloxo, ou a batería dun teléfono móbil ou a dun coche».

Hoxe seguimos recibindo preguntas dirixidas aos científicos. Basta con ir á web www.prensaescuela.es, premer abaixo no botón Alumnos e logo en Pregunta a un científico.

actividades

  • Que pensas desas dúas rapazas inglesas que emprenderon unha auténtica loita contra o plástico? Aquí tes a súa web: kidsagainstplastic.co.uk
  • Que cousas de plástico hai agora mesmo na clase? Cal se che ocorre que podes ter na casa?
  • Elas falan de que o plástico fai falla na medicina. Para que, exactamente?
  • A nosa web de Prensa-Escuela está aberta a todo o mundo, e a proba é que recibimos preguntas mesmo dende o outro lado do Atlántico. Así que animámosvos a enviarnos as preguntas tanto ao científico como ao periodista, pero agora, co Premio Nobel de Física como noticia e mais esta iniciativa feminina contra o plástico, confiamos en recibir nos vindeiros días moitas cuestións de alumnas. Esperamos a túa!