A noite é necesaria

Marcos Pérez Maldonado

LA VOZ DA ESCOLA

A luz das rúas propágase centos de
quilómetros en todas direccións
afectando aos espazos naturais
A luz dás rúas propagar centos de quilómetros en todas direccións afectando aos espazos naturais

Os versos de Antonio Díaz-Castro inspiran o título da nova película que se pode ver no planetario da Casa das Ciencias: «A noite é necesaria / para que ti poidas ver / sobre o medo i o mal / as estrelas arder».

20 jun 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Estes versos de Antonio Díaz-Castro inspiran o título da nova película que se proxecta no planetario da Casa das Ciencias, un filme producido polos Museos Científicos Coruñeses co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología e a participación dunha ducia de planetarios e museos de ciencia de España, Portugal e Alemaña.

Ninguén pode negar que a iluminación nocturna é un invento marabilloso que nos permitiu prolongar a actividade fóra da casa tras o solpor e fixo máis seguro camiñar por rúas e camiños. Ao longo dos séculos iluminamos a noite con candís de aceite, farois de gas e, dende o século XIX, luces eléctricas cada vez máis potentes. Mais nesa liña de progreso social e tecnolóxico nalgún momento perdemos o sentido da iluminación nocturna. De alumear a nosa actividade pasamos a pretender erradicar a noite, incrementando os niveis de luz nocturna ata límites moi superiores aos que precisamos e que poñen en risco o equilibrio dos ecosistemas nocturnos, a sustentabilidade enerxética das nosas sociedades, a saúde humana e, por suposto, o acceso ás paisaxes nocturnas e o ceo estrelado. Padecemos, logo, un problema de contaminación luminosa coa vantaxe, fronte a outras formas de contaminación, de que neste caso sabemos como resolver o problema, e ademais a solución non custa máis cartos, senón que os aforra.

A ORIXE DO PROBLEMA

O alumeado público debería cumprir os mesmos obxectivos que as luces da nosa casa: alumear o que precisemos cando sexa necesario, cunha intensidade axeitada e cunha cor agradable. Por iso temos interruptores para acender (e apagar) a luz en cada peza, empregamos distintos tipos de lámpadas segundo a intensidade que nos interese e escollemos o foco no que van instaladas para que non molesten. A ninguén se lle ocorre manter acesas todas as luces da casa por se se lle dá por pasar por aló nin instalar lámpadas con maior potencia da necesaria. Mais por diferentes motivos, o alumeado público deixou de respectar estes principios básicos e proliferaron os farois tipo bóla que proxectan máis da metade da luz cara o ceo ou dentro das casas, onde ninguén a precisa e perturba o sono dos veciños. Incluso con farois de maior calidade, que limitan o fluxo de luz cara ao chan, o exceso de intensidade e os horarios absurdos fan das cidades lugares sobrealumeados. E o que é peor, esa luz propágase centos de quilómetros en todas direccións afectando aos espazos naturais.

O EQUILIBRIO DOS ECOSISTEMAS

A electricidade é unha fonte de enerxía limpa, agás nos lugares onde se produce, que poden estar moi lonxe de onde se consume. Parte da electricidade coa que alumeamos as cidades procede de centrais térmicas de carbón ou gas natural que emiten inxentes cantidades de gases contaminantes á atmosfera. Outra parte vén de centrais nucleares, cuxos residuos teremos que xestionar durante séculos. Por iso, calquera iniciativa que axude a reducir o consumo eléctrico contribúe a preservar o medio ambiente. Mais alén destas obviedades que tendemos a esquecer con tanta facilidade, nos últimos anos estamos a descubrir os efectos prexudiciais da contaminación lumínica sobre os ecosistemas nocturnos. Moitos insectos, aves e mamíferos evolucionaron adaptándose á escuridade da noite para se alimentar, reproducir, migrar ou agocharse dos depredadores. A intrusión da luz artificial altera eses delicados equilibrios con efectos tan graves como dificilmente predicibles. Por poñer un exemplo, do mesmo xeito que a sobrepesca dalgunhas especies mariñas acaba causando pragas de medusas, o descenso das poboacións dalgúns animais nocturnos acaba afectando á polinización de árbores froiteiras das que dependemos para o noso sustento.

SAÚDE HUMANA

Nos últimos anos moitos instalamos na casa lámpadas con tecnoloxía led pola súa eficiencia enerxética, malia que os primeiros deseños proxectaban unha luz azulada, moi lonxe das tonalidades cálidas, amarelas e laranxas ás que nos tiñan acostumado as lámpadas incandescentes e halóxenas. A tecnoloxía led chegou tamén ao alumeado público, de tal xeito que un paseo atento nos revelará as diferenzas de cor entre os diversos tipos de lámpadas instaladas nas cidades. Afortunadamente, os concellos máis concienciados coa calidade da iluminación urbana están regulando a cor das luminarias, evitando a luz branca e, sobre todo, a azulada. Os motivos non son unicamente estéticos, porque sabemos que a exposición á luz azul durante a noite interfire cos ritmos biolóxicos de moitos organismos, e dende logo, tamén dos humanos.

O noso corpo é como unha factoría química que depende da produción de hormonas para activar e desactivar os mecanismos que regulan dende o sono ata a presión arterial, o pracer ou a reacción fronte a un perigo. Unha das máis importantes é a melatonina, que empezamos a producir á noitiña, cando uns sensores situados na retina do ollo detectan que hai menos luz e que é máis vermella. Por iso, a exposición a luz azulada pola noite altera a produción da melatonina, dificultando o sono e modificando os equilibrios hormonais dos que depende a nosa saúde. As consecuencias a medio e longo prazo inclúen a diabetes, a depresión, a obesidade e, posiblemente, algúns tipos de cancro.

A NOITE, O NOSO LUGAR NO UNIVERSO

É posible que as nosas cidades xa nunca volvan ser escuras. Pero se logramos controlar a contaminación lumínica, seremos quen de gozar da beleza da noite sen necesidade de viaxar a lugares remotos. Ademais, necesitamos o firmamento para comprender o noso lugar no cosmos. No pasado, o escintilar das estrelas espertou a nosa curiosidade polo inalcanzable e o infinito. Moitos mitos esenciais para as primeiras sociedades humanas foron imaxinados directamente no ceo e así naceron as constelacións cuxos nomes nos conectan directamente co pasado remoto da nosa especie. O movemento nocturno dos astros revelou un mecanismo no que todas as estrelas se moven xuntas arredor da Polar, agás os planetas, que semellan vagar ceibes entre o resto. A noite tamén nos ofrecía o misterio dos cambios de forma da lúa, e o feito sorprendente de que as mesmas estrelas aparecían no mesmo lugar cando se pechaba o ciclo anual das estacións. Todos estes fenómenos nutriron a nosa curiosidade e aguzaron a nosa intelixencia, de tal xeito que rematamos por crear modelos do universo que logo poñiamos en cuestión. E naceu a ciencia.

Hoxe enviamos robots a explorar os planetas e lanzamos satélites que espreitan os lugares máis recónditos do cosmos. Soñamos con vacacións interplanetarias, minería espacial e o descubrimento de vida extraterrestre. Mais para manter esta curiosidade viva cómpre que cando levantemos a vista ao ceo vexamos algo máis ca un manto leitoso sen estrelas. E que un planetario, no canto dun lugar onde aprendamos o firmamento que logo imos ver fóra, acabe convertido nunha especie de zoolóxico onde a xente acude a botar de menos as cousas que xa erradicamos da natureza.

actividades

Para ver na casa

Os planetarios empregan un formato especial no que os fotogramas das películas son circulares. Cando se proxectan cara arriba o centro do disco queda no cénit, e os bordes convértense no horizonte dunha proxección inmersiva. Cando estas imaxes se proxectan en pantalla plana o efecto non deixa de ser interesante, como podes ver no tráiler de «A noite é necesaria»:

  • https://youtu.be/hQYKRF4siOA

Por contra, algúns materiais saltan da pantalla semiesférica do planetario ao formato rectangular clásico. Así ocorre con esta secuencia que fala dos efectos da contaminación luminosa sobre a nosa saúde que podedes ver nun formato que seguramente vos resulte máis familiar:

  • https://youtu.be/9fI88rj7OX8

Auditoría luminosa

Usando unha cámara fotográfica que vos permita disparar sempre coa mesma exposición e balance de cor, rexistrade a iluminación nocturna dos lugares que adoitades visitar á caída do sol. É a iluminación homoxénea ou hai zonas brillantes que se alternan con outras escuras? Cantos tipos de farois hai? Proxectan a súa luz cara ao ceo? Hai edificios ou monumentos con luz ornamental? Con que horario? Credes que nalgún sitio falta ou sobra luz? Por que?

Inventario de farois

Facede un reconto dos tipos de farois que hai no voso barrio. Podedes clasificalos en función da cor da súa luz e da forma en que a proxectan (cara ao chan, en todas direccións, cara arriba...). Organizade unha enquisa entre os veciños para localizar os puntos do barrio onde sobra ou falta iluminación e ver que opinan sobre a contaminación lumínica.

A vista de paxaro (nocturno)

Buscade en Internet unha imaxe nocturna do lugar onde vivides e utilizando un mapa identificade as fontes de contaminación lumínica máis importantes. Que infraestruturas están máis iluminadas? Por que credes que hai alí tanta luz? Recoñecedes as poboacións próximas?

Arquitectura contra firmamento

A iluminación ornamental de monumentos deixa de ter sentido a horas nas que xa non queda ninguén na rúa para admiralos. Ademais, adoitan utilizarse focos de gran potencia que proxectan boa parte da súa luz cara ao ceo. Localizade os monumentos iluminados no voso concello e pescudade a que hora se apagan as luces. Realmente merecen todos gozar de iluminación nocturna? En que horario ten sentido iluminalos?