Na procura dun mundo máis xusto

Ana T. Jack

LA VOZ DA ESCOLA

Ofrecer todo tipo de xogos tanto a nenos como a nenas contribúe á igualdade
Ofrecer todo tipo de xogos tanto a nenos como a nenas contribúe á igualdade guilherme jofili

Coeducar significa formar persoas en igualdade de oportunidades

14 mares 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Mamá e papá estaban vendo a televisión cando mamá dixo: “Estou cansa, é tarde, voume deitar”. Antes de irse á cama pasou pola cociña a preparar as merendas para o día seguinte e, aproveitando que o lavalouzas xa terminara, baleirouno. Sacou a carne do conxelador, controlou que quedaban bastantes cereais e deixou preparada a cafeteira. Abriu a porta do tendedeiro e puxo a roupa húmida na secadora e a sucia na lavadora. Antes de apagar o computador, comprobou o correo electrónico e escribiu unha nota á mestra pedindo unha cita para falar da evolución escolar do meu irmán pequeno. Despois desmaquillouse, púxose a crema hidratante e lavou os dentes. Papá berrou: “Aínda andas por aí? Pensei que xa te deitaras”. “Estou a ir”, dixo ela. Pechou a porta da casa con chave e apagou a luz da entrada. Pasou polo dormitorio do meu irmán e tamén lle apagou a luz. Recolleu do chan a súa camiseta e os calcetíns e botounos ao cesto da roupa sucia. Logo veu falar comigo, que aínda estaba a estudar para un exame, por se necesitaba axuda. Xa no dormitorio puxo o espertador e preparou a roupa para o día seguinte. Nese momento, papá apagou a televisión e anunciou: “Voume deitar”. E fíxoo».

Este exemplo, tirado do libro Datas e datos para lembrar en pé de igualdade… e non esquecer o resto do ano, recórdanos que aínda queda moito camiño por percorrer para conseguir un mundo en igualdade de oportunidades e responsabilidades entre homes e mulleres. Neste caso a distribución das tarefas domésticas está totalmente desequilibrada, tal e como ocorre na maioría das familias españolas do século XXI, segundo reflicten as cifras dos últimos estudos realizados. Así que, máis aló do 8 de marzo, xornada na que celebramos o Día Internacional da Muller, hai que seguir en pé de guerra dispostos a conseguir, polo menos, que as novas xeracións desenvolvan todo o seu potencial sen límites nin condicionantes por razón de sexo. Iso significa que debemos facer un esforzo por coeducar. É dicir, educar tendo en conta todos os aspectos que se consideran positivos e necesarios para a formación dunha persoa, sen ter en conta se é home ou muller. E para iso debemos esquecernos dos roles ou papeis tradicionais que inventou a sociedade para un e outro sexo. E empeñarnos en educar… sen prexuízos.

Por onde comezar

Hai algunhas claves básicas que os pais deben ter en conta á hora de educar escapando dos estereotipos:

1. Indumentaria. Non inmobilizar ás nenas cos típicos modeliños que impiden moverse con liberdade, correr, subirse aos tobogáns, ensuciarse, rubir…

2. Xoguetes. Ofrecer todo tipo de xogos a nenos e nenas, non só os que se corresponden aos estereotipos femininos e masculinos.

3. Comunicación. Dirixirse a ambos da mesma forma (ton de voz, contacto corporal, utilización de diminutivos, explicacións, diálogos…).

4. Dar exemplo. A situación que observen os fillos en casa interiorizarana con naturalidade (por exemplo, a repartición de tarefas domésticas). As nenas con nais activas e independentes, ademais, crecerán con maior seguridade nelas mesmas.

5. Educar en parella. A educación dos fillos non é só labor da nai. Ambos os proxenitores deben implicarse por igual.

6. O traballo doméstico. Corresponsabilizar a nenos e nenas na realización de sinxelas tarefas domésticas. Por exemplo: recoller os xoguetes, levar a roupa sucia á lavadora, pór a mesa…

7. Resolución de conflitos. Transmitirlles a idea de que a familia non tolera as actitudes irrespectuosas, denigrantes ou discriminatorias nas súas relacións con outras persoas. Non aceptar, nin a uns nin a outras, agresións, insultos ou ameazas.

8. Romper cos estereotipos. Por exemplo, valorar a sensibilidade nos nenos e a valentía e a independencia nas nenas.

9. Ensinarlles a ser críticos. Axudarlles a detectar o sexismo nos medios de comunicación, nas páxinas de Internet, nos anuncios, nas series de televisión…

10. Non desculpar nin pasar por alto os comentarios, bromas, contos ou fanfurriñadas «sen importancia» de corte machista. Coa linguaxe reflectimos as nosas crenzas e interiorizamos actitudes.

11. Vixiar a influencia dos medios de comunicación, en especial a televisión, Internet e moi especialmente os videoxogos, controlando os contidos aos que acceden.

12. Expectativas de futuro. Evitar caer nos tópicos con respecto ás capacidades dun e outro sexo (eles mellor dotados para as disciplinas científicas e elas para as humanidades). Con estas expectativas, é difícil que unha moza mostre o seu interese por ser soldadora ou que un mozo pense en dedicarse a coidar anciáns. ¡Pero xa é hora de romper barreiras!

Escuela de padres

 

 

? TEMA DO MES: Educar en igualdade.

? ETAPA: Infancia e adolescencia.

? O DATO: Teñan fillos ou non e á marxe de se en casa traballan ambos, as mulleres españolas case duplican o tempo que os homes dedican aos labores domésticos. A única situación na que eles dedican un tempo parecido a estas tarefas é cando non teñen parella (INE, 2017).

? ALGUNHAS CLAVES: Facer un esforzo por educar en igualdade a fillas e fillos para que se desenvolvan como persoas e teñan (e esixan) as mesmas oportunidades para un e outro sexo.

? PARA SABER MÁIS: «Datas e datos para lembrar en pé de igualdade… e non esquecer o resto do ano», manual elaborado por Mercedes Oliveira, M.ª Luisa Abad e Esther Mato e editado polo Concello de Vigo (Concellería de Igualdade). Recolle unha boa selección de materiais, exemplos e propostas de actividades en formato dixital. Esta é a ligazón: http://bit.ly/2FnzGgU