O día da gran festa da Terra

La Voz

LA VOZ DA ESCOLA

Somos de la Tierra. La conmemoración del día 22 también nos recuerda que los humanos cacharros somos que fácilmente nos rompemos
Somos da Terra. A conmemoración do día 22 tamén nos lembra que os humanos cacharros somos que facilmente nos rompemos ALBERTO LÓPEZ

A educación é a clave elixida para salvar o noso planeta con nosas propias mans

19 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Día Internacional da Nai Terra conmemora o planeta que habitamos mediante un chamamento a tomar consciencia sobre o seu coidado e preservación. O día foi orixinalmente creado para avaliar e afrontar os problemas de superpoblación, de conservación da biodiversidade, da produción de contaminación e doutros temas relacionados. Esta conmemoración preséntase como unha oportunidade para que todos os habitantes recoñezan o planeta Terra como o seu fogar. Representa, ademais, a unión de todas as nacións co fin de protexer e coidar o hábitat no que conviven os seres vivos.

O día foi instituido grazas aos esforzos do senador e activista ambiental estadounidense Gaylord Nelson, durante o ano 1970. É unha xornada de carácter internacional e actualmente celébrase o 22 de abril de cada ano.

COIDAR O PLANETA

En 1991 varias organizacións uníronse á conmemoración deste día, co fin de impulsar estratexias que permitisen o coidado do planeta. O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), o Fondo Mundial para a Natureza (WWF) e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) estableceron unha estratexia global que levou por nome Coidando o Planeta Terra (Asemblea Xeral da ONU, 22 de abril do 2009).

 ¡O meu CAAASA!

Imaxina, voa alto e desde calquera punto do universo mira… O texto que segue escribiuno Carl Sagan (1934-1996), cosmólogo e astrónomo estadounidense. Leo con atención:

«Mira ese punto. Iso que ves… é aquí. Iso é a túa casa. Iso é… nós. Nel atópase todos aqueles que amas, todos aqueles que coñeces, todos aqueles de os que oíches falar, cada ser humano que existiu, que viviu a súa vida. A suma das nosas alegrías e sufrimentos, miles de relixións, ideoloxías e doutrinas económicas, cada cazador e cada recolector, cada heroe e cada covarde, cada creador e cada destrutor da civilización, cada rei e cada campesiño, cada moza parella namorada, cada nai e cada pai, cada esperanzado neno, inventor e explorador, cada mestre de moral, cada político corrupto, cada superestrella, cada líder supremo, cada santo e cada pecador na historia da nosa especie viviu aí, nunha mota de po suspendida nun raio de luz do sol. O planeta Terra».

 Agora, baixa dese punto ficticio de altura. Toma terra. Non che gustaría facer algo por ela?

Actividades

1. Podemos comezar con este vídeo, a ver se nos anima a manter tanta beleza e utilizar a Terra non só para marcar pasos efémeros: Día da Terra 2017. Fagamos algo. Calquera cousa. You Tube: goo.gl/SbJsP2

2. E lembra algo máis, polo menos o que din estes versos, que de barro de oleiro nacemos e cacharros somos que facilmente nos rompemos: «Oficio nobre e bizarro / entre todos, o primeiro, / pois na industria do varro / Deus foi o primeiro oleiro / e o home o primeiro cacharro». Coidado habemos de ter por non crebarnos enseguida.

3. Úneche á páxina 2, á gran manifestación mundial pola Terra o día 22 de abril.