Unha aplicación web mellora o diagnóstico de cardiopatías

r. r. garcía REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDADE

Opta a Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado de Informática

10 ene 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Se o meu pai, a miña nai ou calquera outro familiar directo teñen unha enfermidade hereditaria, que posibilidades teño eu, ou a miña descendencia, de contraela? Seguro que se fixo esta pregunta en máis dunha ocasión e a resposta está nas árbores familiares, as representacións gráficas que realizan os médicos a partir dun conxunto de datos clínicos dos pacientes e as súas familias para estudar como evoluciona e como se herda unha patoloxía determinada a través de distintas xeracións, o que constitúe unha ferramenta básica para o diagnóstico e mesmo o tratamento. Pero esta información adoita ser moi complexa e desestructurada, un problema que intentou resolver o alumno da Facultade de Informática da Universidade da Coruña Elías Grande Cásedas co desenvolvemento dunha aplicación web que permite o manexo dos datos clínicos de forma máis eficiente e centralizada, un apoio decisivo para o diagnóstico clínico das enfermidades hereditarias.

O sistema é un dos cinco traballos que optan ao premio Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado, unha iniciativa patrocinada por Everis, Grupo Voz, Indra, ITG e Telecom e na que colaboran a CITIC e FUAC. Elías Grande desenvolveu a aplicación na empresa Health in Code, con base na Coruña e na que empezou a traballar mesmo antes de finalizar a carreira. «A ferramenta -explica o informático- segue os estándares que empregan os médicos cando utilizan as árbores familiares e presenta a vantaxe de que garda toda a información de forma estruturada e organizada on-line». O software, que se probou con éxito para apoiar o diagnóstico clínico das cardiopatías familiares, tanto canalopatías como cardiopatías, está conectado coa base de datos de mutacións desta enfermidade que posúe Health inCode , un referente internacional neste ámbito.

A aplicación foi testada na unidade de cardiopatías familiares do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, na do St. George Hospital de Londres e no Grupo de Investigación Cardiovascular do INIBIC. O produto atópase en fase de comercialización.