Xa son seis os menores mortos estando baixo custodia de EE.UU.

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

INTERNACIONAL

JOSE LUIS GONZALEZ | Reuters

O último caso coñecido é o dunha nena do Salvador de dez ano que morreu en setembro

24 may 2019 . Actualizado ás 07:54 h.

Unha nena salvadoreña de 10 anos cuxa identidade non foi difundida elevou a seis a cifra de menores migrantes mortos na fronteira de EE.UU. e México nos últimos oito meses, aínda que a súa morte, coñecida agora pero ocorrida en setembro, foi a primeira dun neno migrante baixo custodia federal desde o ano 2010, segundo informa a BBC.

«É indignante que outro neno teña morto baixo custodia gobernamental e a Administración Trump non llo contou a ninguén», declarou á CBS o congresista demócrata por Texas Joaquin Castro, quen acusou o Goberno de Trump de encubrir a morte da menor, que sufría unha afección cardíaca congénita e morreu tras unha intervención cirúrxica non especificada que a deixou en coma.

Outro falecido esta semana

O falecemento da nena é o segundo do que se informa esta semana. O luns faleceu noutro centro de detención de Texas o adolescente guatemalteco Carlos Gregorio Hernández Vásquez, de 16 anos, que fora arrestado seis días antes. A causa da morte descoñécese.

«Débelle á cidadanía unha explicación e un informe pleno das causas e circunstancias destas mortes», reclamou a senadora demócrata Elizabeth Warren ao responsable da Oficina de Aduanas e Protección Fronteiriza, John Sanders.

Ademais destes dous casos, catro menores máis, tamén orixinarios de Guatemala , faleceron nos últimos meses: Wilmer Josué Ramírez Vásquez, de 2 anos; Juan de León Gutiérrez, de 16; Felipe Alónzo Gómez, de 8; e Jakelin Caal Maquin, de 7.

en abril, as autoridades arrestaron a 98.977 migrantes indocumentados na fronteira con México, a maior cifra dos últimos seis meses. Deles, 8.897 eran menores non acompañados.