Venezuela, chegou a hora da verdade?

Julio Á. Fariñas A Coruña

INTERNACIONAL

CARLOS GARCIA RAWLINS | Reuters

Aínda que a máis dun non llo pareza, o ano empeza ben para os venezolanos. A farsa montada o pasado día 10 por Maduro e o seu cohorte de cleptócratas contribuíu decisivamente á urxencia de Juan Guaidó que, se non se malogra ou non o malogran, pode ser o comezo do futuro do maltreito país.

20 ene 2019 . Actualizado ás 19:23 h.

Tras anos dunha loita salpicada de acertos e tamén de erros na súa batalla contra a praga chavista, a oposición venezolana conta xa cun novo líder coas ideas claras e un proxecto realista para rescatar un país en mans da delincuencia organizada disfrazada de esquerdista e revolucionaria.

Juan Gerardo Guaidó Márquez (35 anos e sobrevivente da traxedia de Vargas), pertence a unha xeración que xa no ano 2007, cando aínda eran estudantes, puxo contra as cordas ao comandante galáctico. Nada máis asumir a presidencia da Asemblea Nacional, a única institución democrática que queda no país, avalada masivamente nas urnas en decembro de 2015, e tras pasar antes outros cinco anos como deputado suplente, tomou boa nota dos erros cometidos polos seus antecesores. Desde o primeiro momento , trata de facer uso das competencias institucionais do cargo que ocupa de forma rotatoria.

Cunha asombrosa clarividencia está manexando os tempos e, no canto de convocar manifestacións rueiras -a experiencia demostrou que serviron para pórlle en bandexa carne de canón ao aparello represivo do madurismo e pouco máis-  está a chamar á cidadanía a que acuda aos concellos abertos que está a levar a cabo ao longo e ancho do país. Neses actos, todos masivos e pacíficos, fai un insistente  chamamento a unha transición civilizada e mesmo fala de amnistía para aqueles funcionarios que colaboren na restauración da lexitimidade democrática. Parece ser plenamente consciente de que dúas décadas de demagoxia chavista, cimentadas con millóns de petrodólares, baixo a maxistral batuta habaneira, non se tomban da noite para a mañá.

Todos os datos dispoñibles permiten concluír que cada día que pasa está a contar cun respaldo máis claro da comunidade internacional e tamén da inmensa maioría dos venezolanos. Este panorama parece que está alterando o soño do actual okupa do palacio presidencial de Miraflores que pretende seguir de inquilino polo menos outros seis anos máis.

A gran incógnita seguen sendo  o xeneral Vladimir Padriño e o resto dos uniformados que seguen ao seu lado. De momento hai un dato esperanzador: as FANB están a negarse a reprimir á xente que agarraches aos cabildos. Tamén falta por aclarar quen deu a orde de deter Guaidó cando se dirixía a pasada semana a un deses cabildos e a contraorden de liberalo ao pouco intre.

Agora todos os focos político-mediáticos  diríxense cara ao que pode ocorrer o ou despois do próximo 23 de Xaneiro. Esa é a emblemática data na que un golpe civico-militar acabou,  hai 60 anos, acabou coa ditadura de Pérez Jiménez, unha ditadura con todas as da lei que, a diferenza da actual, deixou unha boa parte das grandes infraestruturas que aínda seguen en pé no país e na que os venezolanos non se morrían de fame nin por falta de medicamentos.

É unha data emblemática que pode ser o principio do fin dun sinistro presidente cuxos logros económicos nos seus seis anos de mandato foron: PIB (-18%), inflación (1.370.000%), reservas internacionais (8.400 millóns en 2018, fronte aos 29.890  de 2012), produción de petróleo (1,1 millóns de barrís diarios, fronte aos 2,4 de 2012), importacións (9.200 millóns en 2018, fronte a 66.000 millóns en 2012). segundo datos do FMI e a CEPAL

Terá chegado, por fin, a hora do principio do fin do pesadelo dos venezolanos? Bastantes indicios apuntan a que si.