No canto de farois, unha lúa artificial

María Porto PEQUÍN

INTERNACIONAL

GOODFREEPHOTOS

A cidade de Chengdu quere alumarse de noite co reflexo do sol

22 oct 2018 . Actualizado ás 08:11 h.

Unha lúa artificial capaz de reflectir oito veces máis luz que a real para iluminar as cidades e substituír a iluminación eléctrica. É unha solución pioneira que pode converterse en realidade en China nun futuro moi próximo. O ano 2020 é a data proposta para probar este proxecto na cidade de Chengdu, capital da provincia de Sichuan, no suroeste do país. O obxectivo é lanzar un satélite artificial que reflicta a luz do sol e ilumine a cidade aforrando electricidade. Se funciona, no 2022 lanzaríanse outros tres satélites.

O proxecto hao presentado Wu Chunfeng, director da Tian Fu New Area Science Society, que defendeu a viabilidade desta tecnoloxía made in China .

O satélite artificial converteríase nun gran espello espacial para reflectir a luz do sol sobre a Terra. A luz será oito veces máis intensa que a que reflicte a Lúa de xeito natural e tería capacidade para iluminar unha zona duns 50 quilómetros cadrados.

A lúa chinesa orbitaría a uns 500 quilómetros sobre a Terra, a unha altura similar á que se atopa a Estación Espacial Internacional, moito máis preto dos 380.000 quilómetros que nos separan da verdadeira Lúa. En declaracións ao xornal China Daily, Wu asegurou que «a lúa feita polo home pode aforrar uns 170 millóns de dólares en electricidade á cidade de Chengdu». Tamén agregou que sería unha solución de urxencia para iluminar, durante os apagamentos, zonas onde se produciu algún desastre natural e é necesario que traballen os equipos de rescate.

Falta información

Toda a historia pode soar a conto chinés, pero en realidade é unha proposta dun Instituto de Investigacións Aeroespaciais. A ampla publicidade que se fixo na prensa chinesa desta iniciativa, que está en fase experimental, demostra o interese que o xigante asiático ten para promocionar a súa industria aeroespacial na que está a investir moito diñeiro.

Pero á parte do anuncio, realizado nunha conferencia sobre innovación, non se publicou información concreta sobre os datos técnicos do proxecto, nin se ten o respaldo do goberno chinés.

As redes sociais chinesas apuntáronse ao debate sobre a viabilidade de lanzar lúas artificiais ao espazo. Especularon sobre as posibilidades reais de dirixir a luz con precisión a un punto determinado e sobre todo como afectará esta iluminación permanente durante a noite ao ciclo biolóxico dos animais. Moitas opinións destacan que as cidades xa producen demasiada contaminación lumínica.

O órgano oficial Diario do Pobo interveu no debate entrevistando o director do Instituto de Tecnoloxía de Harbin, Kang Weimin, que asegurou que a luz do satélite sería similar ao «resplandor dun atardecer» e que, en principio, «non debería afectar as rutinas dos animais».

Alternativas

Tamén é cuestionable se é máis barato deseñar, fabricar, lanzar e manter un satélite en órbita que pagar a factura da iluminación pública, aínda que sexa dunha cidade duns 12 millóns de habitantes. E se non hai outras alternativas máis sostibles. A iniciativa chinesa ten un precedente, o proxecto Banner. A finais dos 90, científicos rusos intentaron enviar ao espazo un espello xigante para reflectir a luz. O lanzamento fallou e o proxecto cancelouse.