Boris Johnson: «O plan de Theresa May para o 'brexit' é un chaleco explosivo»

Afp

INTERNACIONAL

IAN KINGTON | Afp

O exministro lamenta que Reino Unido adopte unha actitude de obediencia cega á UE

09 sep 2018 . Actualizado ás 14:38 h.

O plan de Theresa May sobre as relacións comerciais tras o brexit pon «un chaleco explosivo» ao Reino Unido, cuxo detonador está en mans da Unión Europea (UE), denunciou este domingo o exministro de Relacións Exteriores británico, Boris Johnson, deixando en evidencia as divisións entre os conservadores.

Johnson deixou o goberno en xullo polo seu desacordo co plan proposto pola primeira ministra conservadora, que prevé manter unha relación comercial estreita entre Reino Unido e a UE despois do Brexit, previsto a partir do 29 de marzo. Con estas propostas, a xefa de goberno provocou o enfado dos partidarios dun brexit «puro e duro», pero tamén o escepticismo dos dirixentes da UE, que puxeron en dúbida a viabilidade deste plan. «Colocamos un chaleco explosivo na Constitución británica e entregado o detonador a Michel Barnier», o negociador da UE para o Brexit, sostivo Johnson nunha tribuna publicada no diario Mail on Sunday.

Johnson lamentou que Reino Unido adopte unha actitude de obediencia cega á UE. «Ata agora, en cada etapa das discusións, Bruxelas obtén o que Bruxelas quere. Aceptamos o calendario da UE; aceptamos entregar 39.000 millóns de libras, sen obter nada a cambio», lamentou, facendo referencia á factura por saír da UE. «Agora coa proposta (de May) estamos dispostos a aceptar as súas regras -para sempre- sen poder dicir nada sobre elas», asegurou. «É unha humillación», agregou.

Boris Johnson cualificou igualmente de «totalmente inaceptable» a solución de «rede de seguridade» («backstop»), que mantería á provincia británica de Irlanda do Norte dentro da unión aduaneira e do mercado único europeo, a falta doutra solución para impedir o restablecemento de controis fronteirizos con Irlanda, membro da UE, tras o Brexit.

Estas declaracións crearon balbordo entre os seus corregligionarios, os conservadores. O secretario de Estado para asuntos europeos, Alan Duncan, estimou en Twitter que constitúen «un dos momentos máis lamentables da política moderna británica» e selan «o fin político de Boris Johnson».

O presidente da comisión de Relacións Exteriores da Cámara dos Comúns, Tom Tugendhat, que serviu en Afganistán onde estivo exposto a un atentado suicida, escribiu en Twitter: «A carnicería era repugnante (...) Comparar á primeira ministra con iso non é divertido».

Algúns comentaristas políticos do Reino Unido vían o domingo nesta nova saída de Johnson, que multiplica as críticas contra a estratexia de May, un intento por desviar a atención da prensa ao seu divorcio de quen é a súa esposa desde hai 25 anos. Varios xornais publicaban este domingo os detalles das presuntas infidelidades do exministro, informacións que terían recompilado no equipo de May no 2016 cando se enfrontaban para tomar as rendas do Partido Conservador. Downing Street desmentiu ter filtrado esas informacións para desacreditar a Johnson.