Anabel Montes, de Proactiva Open Arms: «En Italia ven como un triunfo ter conseguido que o Aquarius non entre»

Dolores Vázquez A Coruña / LA VOZ

INTERNACIONAL

CESAR QUIAN

Afirma que non se pon suficiente énfase en que o Goberno italiano rompeu as leis internacionais

17 jun 2018 . Actualizado ás 07:20 h.

Anabel Montes (Oviedo, 1986), xefa de misión de Proactiva Open Arms, unha oenegué que se dedica ao rescate de inmigrantes no mar, interveu onte nas charlas promovidas pola iniciativa Acampa na Coruña achegando a súa visión sobre o dereito internacional para protexer ás persoas nesa situación. Tras participar como socorrista voluntaria en Lesbos, ingresou nunha organización que este ano saltou aos titulares ao reter Italia uno dos seus barcos.

-Cal é a interpretación que fai dese incidente?

-Italia acusounos de fomento da migración clandestina e de asociación criminal, como a mafia, ademais de reternos o barco. Non fomos os primeiros, senón outra vítima, non a única, porque os ataques se viñeron repetindo desde xullo do 2017. É unha criminación contra unha oenegué por facer un traballo que molesta, porque mostra as carencias que hai nese lugar, que as autoridades non se fan cargo e prefiren botarnos a nós para que non haxa ninguén que denuncie publicamente o que está a pasar.

-Considera que son tan molestos?

-Sabémolo de certo. Isto está a pasar hai moitos anos, antes de que nós estivésemos alí, pero a opinión pública non o sabía. No 2013 Italia promoveu a operación Mare Nostrum, que rescatou a xente que estaba a naufragar, pero ao cabo dun ano era demasiado cara, e ao non prestar axuda Europa, cancelárona e empezaron a entrar as oenegués, que levamos xornalistas que publican que está a pasar. O feito de incriminarnos non é gratuíto. Ten o único obxectivo de que nos vaiamos de alí. Eramos 12 barcos no 2016 e agora somos 4, por medo.

-A que atribúe o que Europa mire a outro lado?

-A migración leva moitos anos e nunca se lle intentou dar unha solución con procesos de recolocación efectivos, nin tan sequera falar de corredor humanitario. Co paso dos anos, se non intentas mellorar a situación, vaise facendo unha montaña. Eu quero ser honesta, non se cal é a solución a isto. Pero Europa mira para outro lado porque non interesa. Partimos da base de que é o mundo occidental o que está provocando a maioría das situacións que están a ocorrer en África, expoliando e empobreciendo un continente moi rico e non interesa por demasiadas razóns, á parte do tema económico, tamén está o clasista-económico, porque son pobres, aos ricos ábrenselles as portas.

-O do Aquarius cre que é un xesto ou un cambio de política en España?

-De primeiras, sen analizar, é un xesto humanitario moi bo, porque España é o primeiro país que se ofreceu voluntariamente a acoller xente. Pero está a pórse máis énfase niso que no feito de que Italia teña roto leis internacionais negándolles o seu porto. Do mesmo xeito que en España se ve como un triunfo, tamén se ve así en Italia que o seu Goberno, ultradereitista e con políticas moi duras xenófobas, teña conseguido que o barco non entre. Iso é un erro, porque están obrigados polas leis e acordos asinados a nivel internacional a acoller a esa xente. O que España se ofreceu lexitimou as súas políticas xenófobas. Agradecemos o xesto que tivo España, pero lexitimou a decisión italiana. Creemos que se debería ter feito presión para que cumpra as leis que asinou.

-Como ve a política migratoria española?

-Este xesto é moi bonito, pero temos a fronteira sur fai unha chea de anos. Non me vou a referir a que uns sexan máis importantes que outros, pero temos aquí unha situación que se ten que afrontar e buscar unha solución efectiva para todo o mundo. Agora Grande-Marlasca dixo que hai que eliminar as concertinas dos valos, que é moi bo, pero non suficiente. Hai que miralo desde un punto de vista moi amplo.

-Cales ve como os conflitos máis preocupantes nestes momentos?

-O de Italia polo Goberno que teñen, porque asusta bastante, pero podemos mencionar tamén casos como os de Serbia , Hungría, Macedonia, que teñen políticas migratorias terribles e salvaxes, mesmo coa utilización de policías con cans nas fronteiras para atacar aos migrantes. Son unhas fronteiras que supostamente para Europa non existen. A nivel europeo practicamente todos teñen políticas restritivas e móvense polos seus propios intereses.