Rusia multa a Telegram por non entregar datos de usuarios ao goberno

Efe MOSCOVA

INTERNACIONAL

DADO RUVIC

A compaña de mensaxería por Internet foi declarada culpable de infracción administrativa

16 oct 2017 . Actualizado ás 13:04 h.

Un tribunal moscovita multou este luns con 800.000 rublos (uns 14.000 dólares) á compaña de mensaxería por Internet Telegram por negarse a entregar ao Servizo Federal de Seguridade (FSB, antigo KGB) de Rusia os datos para decodificar as comunicacións dos seus usuarios. Telegram Messenger LLP foi multada tras ser de declarada culpable de infracción administrativa por incumprir a lei que a obriga a desvelar, a requirimento das autoridades no marco da loita contra o terrorismo, as comunicacións entre os seus usuarios, explicaron fontes xudiciais.

A fins de xuño pasado a axencia reguladora de bens e servizos de Rusia, Roscomnadzor, publicou unha carta aberta ao creador de Telegram , Pável Dúrov, na que lle cominaba a rexistrar a compaña como medio de difusión de información baixo ameaza de bloquear o seu servizo no país.

No 2014, Dúrov marchouse de Rusia tras denunciar presións dos servizos de seguridade para que revelase información sobre grupos da oposición que empregaban a rede social VKontakte, desenvolvida por el no 2006.

Dúrov, que no 2013 creou Telegram xunto ao seu irmán, declarou no seu momento que non compartiría datos ou códigos con terceiros, incluídos os gobernos. O servizo de mensaxería, cuxo éxito creceu moi rapidamente, está no punto de mira de varios países, que o acusan de facilitar as comunicacións entre terroristas do grupo Estado Islámico.

En maio deste ano, o director de Europol, Rob Wainwright, tamén acusou a Telegram de non colaborar suficientemente coa policía europea na loita antiterrorista.