Israel abandona a Unesco tras facelo Estados Unidos

Trump acusa o organismo de ter «tendencia anti Israel» e alega que necesita unha reforma

.

O primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, decidiu que o seu país abandone a Unesco despois de que Estados Unidos teña anunciado a súa retirada da organización multilateral por considerala antiisraelí. «Esta é unha decisión valente e moral, porque a UNESCO se converteu no teatro do absurdo e porque, en lugar de preservar a historia, a distorsiona», dixo Netanyahu nun comunicado distribuído pola súa oficina.

Estados Unidos anunciou este xoves a súa retirada da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) e mencionou como motivos a necesidade dunha reforma e unha suposta «tendencia anti Israel» do organismo multilateral. «Esta decisión non se tomou a treo e reflicte as preocupacións dos Estados Unidos cos crecentes atrasos nos pagamentos na Unesco, a necesidade dunha reforma fundamental na organización e a tendencia anti Israel continua na Unesco», asegurou a portavoz do Departamento de Estado, Heather Nauert.

O conciso comunicado do Departamento de Estado non ofrece máis explicacións sobre eses argumentos. A pesar da súa retirada como membro, o Goberno estadounidense expresou o seu desexo de establecer unha misión permanente como país «observador» ante ese organismo das Nacións Unidas.

A portavoz detallou no seu comunicado que a directora xeral da Unesco, Irina Bokova, foi notificada tanto da decisión de de Estados Unidos de retirarse da Unesco como da súa intención de establecer unha misión permanente de observación.

O Goberno de Estados Unidos tamén indicou a Bokova o seu desexo de seguir colaborando como Estado observador e «achegar opinións, perspectivas e coñecementos especializados» sobre cuestións como «a protección do patrimonio mundial, avogando pola liberdade de prensa e promovendo a colaboración científica e a educación». Nauert asegurou que a retirada dos Estados Unidos da UNESCO entrará en vigor o 31 de decembro do 2018, en cumprimento dos estatutos do organismo. 

Votación
6 votos
Comentarios

Israel abandona a Unesco tras facelo Estados Unidos