«En Guam xa temos moita experiencia en ameazas»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO

INTERNACIONAL

Ana García

«Algunha xente ten pánico e compra provisións», explica sobre a situación que se vive na illa

13 ago 2017 . Actualizado ás 16:19 h.

Clark Limtiaco (49 anos) é natural de Guam, a pequena illa do Pacífico dependente dos Estados Unidos que está no centro da tensión mundial polas ameazas de ataque de Corea do Norte e as respostas incendiarias de Donald Trump. Esta escalada dialéctica tocoulle vivila en Galicia. En concreto, en Carballo, onde pasa unhas semanas. Profesor de idiomas, investigador e asesor independente da cultura hispana do seu país, foi invitado o instituto Cervantes a dar unha conferencia en Madrid en xuño e desde entón recalou en Carballo, onde ten un amigo de hai anos. Contactaron grazas a que o avó de leste viviu 20 anos en Guam. O mundo é moi pequeno mesmo a 14.000 quilómetros de distancia.

-Como se vive a situación que atravesa o seu país?

-En Guam xa temos moita experiencia en ameazas, non é a primeira vez que Corea do Norte di algo así. Quizais teña cambiado a tecnoloxía que teñen os coreanos do norte, e sexa algo posible, pero non é novo.

-O que cambiou é o presidente dos Estados Unidos.

-Si, algúns din que a reacción de Trump tamén inflúe, que é moi provocador.

-Hai temor?

-A presenza militar [estadounidense] na illa é moi forte. A miña familia dime que se senten seguros, que están ben equipados para defenderse. Tamén hai algunha xente que cre que vai pasar algo, que ten pánico, e compra provisións, como facemos antes da chegada dos tifones. Pero é unha ameaza máis.

-E vostede que sente, desde tanta distancia?

-Eu teño confianza no poder militar despregado en Guam, na alta tecnoloxía para a defensa. Claro que se pensas que un mísil pode chegar en 15 minutos...

-As ameazas tamén existen para o turismo, non?

-Claro, dependemos moito do turismo. A maioría dos visitantes son xaponeses ou coreanos. Eu traballei no sector, teño amigos no Xapón que me din que cancelan as súas vacacións.

-Vostede investiga as raíces españolas en Guam. Son coñecidas?

-Non. España estivo aquí máis de 300 anos, e a cultura española non se explica nas escolas, a pesar de ser un fundamente da nosa cultura. O hispánico explica moito de nós. E o descubrimento da miña identidade hispánica cambioume a vida.