Todos os galeses serán doantes de órganos se non expresan o contrario

Efe LONDRES

INTERNACIONAL

GUSTAVO RIVAS

As autoridades galesas argumentaron que esta nova lei permitirá salvar a vida de centos de persoas cada ano

01 dic 2015 . Actualizado ás 18:26 h.

Todos os adultos galeses serán considerados doantes de órganos a non ser que teñan especificado o contrario antes de morrer, en virtude dunha lei que entrou este martes en vigor nesa rexión británica.

As autoridades galesas argumentaron que o novo sistema, ao que se opuxeron algunhas organizacións relixiosas, salvará centos de vidas cada ano. «As últimas cifras mostran que catorce persoas morreron o ano pasado en Gales agardando un transplante. O cambio cara a un sistema no que debe expresarse explicitamente que non se quere ser doante será unha revolución», afirmou o ministro de Sanidade galés, Mark Drakeford.

«A doazón de órganos salva vidas, así que incrementar a cantidade de doazóns que recibimos permitiranos salvar a máis persoas», indicou Drakeford.

O sistema aplicarase aos maiores de 18 anos que teñan vivido en Gales máis de doce meses, segundo a nova normativa, e os órganos con posibilidade de ser utilizados serán enviados a calquera lugar do Reino Unido onde sexan necesarios.

Segundo as cifras do Goberno británico, preto de mil persoas morren cada ano no país á espera dun transplante e actualmente hai 224 persoas en lista de espera en Gales para recibir un órgano, incluídos oito nenos.

A organización non gobernamental British Heart Foundation (BHF) celebrou a medida e considerou que o resto do país debería adoptar unha lexislación similar á galesa neste terreo.

O director executivo da organización en favor da saúde cardiovascular, Simon Gillespie, lamentou que a porcentaxe de doantes no Reino Unido sexa ao redor dun 40 % menor que noutros países europeos.