Así se verá desde Galicia a eclipse de Lúa máis longo do século XXI

INFORMACIÓN

Ana Garcia

Toma nota de todos os consellos para gozar por completo deste fenómeno

24 jul 2018 . Actualizado ás 16:01 h.

O 27 de xullo terá lugar a eclipse de Lúa máis longo do século XXI. O fenómeno coñécese como «Lúa de Sangue» polo ton avermellado que adopta o astro esa noite. «Este ano será especialmente espectacular», anúncianos o astrónomo Borja Tosar. 

As eclipses adoitan coincidir ás 3 ou 4 da mañá pero o deste 27 de xullo producirase á primeira hora da noite así que non hai que agardar espertos ata tarde. 

En total, a eclipse comezará ás 20:25  e rematará case catro horas despois, ás 00:19 h (hora peninsular). A duración da fase total será de 1 hora e 43 minutos. O máximo da eclipse terá lugar ás 22:21.

Aínda que, ollo, porque en Galicia non se verá completo aínda que si seremos testemuñas do mellor. Cando saia a Lúa xa estará eclipsada e, iso, tamén converterá a esta eclipse en algo especial. «Que a Lúa salga eclipsada en Galicia fai este fenómeno diferente ao resto de eclipses doutros anos», asegura Borja.

Aínda por riba, a Lúa, ademais de vermella, parecerá moito máis grande debido a un efecto óptico coñecido como «ilusión lunar». 

Cando se aliñan a Terra, o Sol e A lúa de tal forma que a terra tapa ao sol, prodúcese a eclipse, ao bloquear a terra o sol, créase unha especie de cono de sombra que tapa a lúa. Na eclipse total, como o que veremos o día 27, a lúa tápase do todo e adquire unha cor vermella debida á falta de radiación.

Neste vídeo da NASA explícannos como se comportan os tres protagonistas dunha eclipse lunar (a Terra, a Lúa e o Sol) para que este fenómeno se produza. 

Consellos 

O primeiro que hai que deixar claro é que esta eclipse se pode ver desde calquera sitio. Unha vez que a Lúa suba polo horizonte poderémola ver desde a terraza dun bar, desde o centro dunha cidade ou desde nosa propia casa. 

O ideal para gozar deste fenómeno en todo o seu esplendor? Hai que buscar unha zona o máis despexada posible polo leste (a contraria da zona pola que se pon o sol). Sempre podes recorrer ao compás do móbil. Cun horizonte despexado de edificios, árbores e montañas e, se ademais, afastámonos da contaminación lumínica, a eclipse será aínda máis impresionante. Teremos un plus porque coa luz da lúa iluminarase toda a paisaxe e, doutra banda, cun ceo escuro tamén gozaremos, ao mesmo tempo, das estrelas de verán.

Unha idea: se tes uns prismáticos en casa, por moi malos ou vellos que sexan, úsaos para apuntar á lúa e gozar mellor do espectáculo. 

«Equipaxe básica»: aínda que esteamos no verán as temperaturas en Galicia descenden bastante pola noite. A eclipse dura varias horas así que é importante ir ben abrigados. Cambia en bañador e as chanclas por unha boa chaqueta e un bo calzado. Queres estar cómodo? Unha tumbona de praia é o complemento perfecto.

Observacións programadas en Galicia: 

 A Coruña

Observación pública no Parque dos Menhires (zona Torre de Hércules) a partir das 22:00. Máis información aquí.

Vigo

Observación no Miradoiro do Monte do Castro entre as 22:00 e a 1:00. Máis información aquí

Forcarei

Observatorio astronómico de Forcarei a partir das 22:00. Máis información aquí

A Veiga

Coa opción dunha experiencia total starlight en Trevinca. Máis información aquí.