Semana de influencia anticiclónica en Galicia

JUANA PÉREZ LA VOZ

HISTORIAS DO TEMPO

Sandra Alonso

O bo tempo manterase ata a próxima semana cun aumento progresivo das temperaturas

20 sep 2021 . Actualizado ás 09:56 h.

O verán otoñal que protagonizou este 2021, dá paso a un outono con sabor estival. A influencia anticiclónica marcará o inicio da nova estación, que se producirá este mércores 22 de setembro ás 21:21 horas.

Desde Meteogalicia resumen como será a semana, «influencia anticiclónica sobre Galicia con probabilidade de choiva moi baixa e temperaturas en progresivo ascenso». O tempo mellorará conforme avanzan os días e haberá tregua ata a fin de semana incluída. Este luns Galicia estará nunha zona de transición entre altas e baixas presións, con réxime de ventos do norte. Os ceos estarán pouco nubrados ou despexados na metade sur, mentres que na metade norte estarán parcialmente cubertos, con chuvascos. As temperaturas mínimas non experimentarán cambios significativos e as máximas sufrirán un lixeiro descenso. O paso da fronte do domingo, aínda que non foi moi activo, deixa unha masa de aire fría.

O panorama cambiará desde o martes porque a comunidade se irá quedando durante este día baixo a influencia anticiclónica con circulación do nordeste. Con esta situación, agárdanse ceos máis nubrados pola mañá, abríndose claros progresivamente. Pode darse algún chuvasco illado e ocasional no norte da provincia de Lugo. O mércores as altas presións estarán centradas ao suroeste de Irlanda, agárdanse ceos con poucas nubes en xeral pola mañá, aumentando lixeiramente pola tarde. Nas zonas altas do interior crecerán algunhas nubes de evolución, que mesmo poden deixar algún simulacro tormentoso. As temperaturas non experimentarán cambios significativos aínda. Algo que si pasará de cara ao xoves e o venres cando se rexistrarán «valores lixeiramente por amais dos propios desta época do ano».

«En principio, durante a fin de semana continuariamos con influencia anticiclónica e xa a partir de aí ir perdendo esa influencia das altas presións. A día de hoxe non podemos precisar se será o domingo ou a principios da próxima semana, aínda que por aí haberá cambios», sinalan desde Meteogalicia.