E despois das choivas de onte.... Que vén?

HISTORIAS DO TEMPO

XOAN A. ADOITAR

Este mércores o termómetro rexistra valores máis discretos debido á presenza de aire frío nas capas altas da atmosfera

09 oct 2019 . Actualizado ás 16:12 h.

O outono estase comportando, de momento, de forma moi estable. Á marxe das choivas que caeron onte, sempre necesarias por outra banda, el tempo é, sobre todo, seco e cálido. Este mércores o termómetro rexistra valores máis discretos debido á presenza de aire frío nas capas altas da atmosfera, e que viña detrás da fronte. Descenden sobre todo as mínimas de xeito xeneralizado. Como Galicia recupera a influencia do anticiclón a partir do mediodía, o ceo nocturno quedará despexado. Sen nubes e co aire xélido, a perda de calor da Terra cara ao espazo exterior será máis intensa. Os valores nocturnos non superarán en ningún punto os dez graos, e mesmo serán algo inferiores no interior da comunidade, sobre todo en zonas de montaña. O descenso das mínimas tamén provocará que o ambiente térmico a primeiras horas da mañá sexa bastante frío.

O xoves será unha xornada tipicamente anticiclónica. Claro que nesta época do ano a presenza das altas presións ten outro tipo de efectos: por exemplo, no interior de Lugo e A Coruña aparecerá un tipo de néboa concreto, coñecido como de irradiación. A néboa fórmase de noite, mentres se perde a calor terrestre en forma de radiación infravermella. Con vento frouxo, as altas presións bloquean o aire en contacto co chan. A medida que transcorre a madrugada, a temperatura do aire descende cada vez máis ata que non pode conter a humidade e condensa. Adoitan disiparse ao mediodía, en canto aumenta a radiación solar.

Iso si, a medida que vaian pasando as horas o sol irá quentando a superficie, e as máximas acadarán valores bastantes agradables, sobre todo na metade sur. En Ourense e Vigo o mercurio ascenderá ata os 27 graos, e a sensación térmica será por momentos mesmo de calor, debido á ausencia total de vento.

O venres refórzase aínda máis a influencia do anticiclón, que se traducirá na chegada de aire máis cálido. Esta configuración provocará un novo ascenso das temperaturas máximas, que poderían chegar a rozar os trinta graos en puntos do sur. Serían xa que logo cifras elevadas para a época do ano. Ademais, excepto algunha néboa costeira, a previsión indica que será un día co ceo despexado en toda a comunidade.

Para a fin de semana o prognóstico apunta a que regresará a choiva. Agora mesmo o que está no aire é a cantidade de auga que podería chegar a caer nas provincias atlánticas. En calquera caso, as precipitacións parecen garantidas. Despois do paso da fronte, as temperaturas volverán recuperar valores máis propio do mes de outubro.

En canto á previsión a medio prazo os modelos non se aclaran demasiado, algo habitual no outono, unha estación moi cambiante. O anticiclón podería retirarse e dar paso a situacións de máis inestabilidade.

En canto á previsión a medio prazo, os modelos non se aclaran demasiado, algo habitual no outono, unha estación moi cambiante. O anticiclón podería retirarse e dar paso a situacións de máis inestabilidade.