O túnel que simula o clima extremo

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

HISTORIAS DO TEMPO

A instalación científica creada en Francia, única no mundo, recrea todo tipo de fenómenos meteorolóxicos adversos para comprobar se resisten a eles os efificios e as infraestruturas

16 abr 2019 . Actualizado ás 11:31 h.

Podería unha esvelta torre resistir a un vento tempestuoso como o que nunca se viu?, ou unha vivenda facer fronte a un tornado moi violento?, ou unha pérgola aguantar unha choiva torrencial?, ou un porto unha marusía que non lembran nin os máis vellos do lugar? Son escenarios límite, pero nun contexto de cambio climático, no que os fenómenos meteorolóxicos tenden a ser cada vez máis extremos, convén estar preparados, porque poderían ocorrer en calquera momento.

Tanto os edificios como todo tipo de infraestruturas, e mesmo os transportes, deberían estar preparados, xa que logo, para resistir a escenarios cada vez máis virulentos. Pero, como se poden simular estas condicións extremas? No Túnel Climático Julio Verne que se acaba de inaugurar en Nantes (Francia), unha infraestrutura de investigación internacional, única no mundo das súas características, que permite realizar ensaios en calquera equipo a diferentes escalas e reproducindo todo tipo de condicións climáticas.

Trátase da única infraestrutura do mundo que pode analizar, nos seus máis de 6.000 metros cadrados, obras e sistemas de sectores como a construción, os transportes e as enerxías renovables. A instalación xa levaba 25 anos en funcionamento, pero o que lle permite responder aos novos desafíos é a reforma realizada que custou 8,5 millóns de euros.

No túnel pódense reproducir todo tipo de fenómenos climáticos extremos, como choivas torrenciais, choivas xélidas, precipitacións torrenciais, neve, saraiba, néboa, calor intensa, tempestades, ventos de area e de po... Un exemplo: pode simular temperaturas de -32 graos ou calor extrema de ata 55 graos. A instalación tamén está preparada para reproducir ventos ou ciclóns de 280 quilómetros por hora. «Podemos achegar respostas aos novos desafíos científicos e técnicos», asegura Etienne Crépon, presidente do Centro Científico e Tecnolóxico de Edificios, que acolle o túnel.