Berizzo marcaba nun derbi o seu primeiro gol en Liga co Celta

La Voz VIGO

HEMEROTECA

QUEIMADELOS

Foi en Riazor no 2001, no lembrado partido da lesión de Manuel Pablo

30 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

2001: Tras marcar ata tres veces en Copa no seu primeiro ano en Vigo (fronte a Leganés e Barcelona en dúas ocasións), Berizzo tivo que agardar ao seu segundo curso como céltico para estrearse como goleador en Liga co equipo. Non o fixo nun partido calquera, senón que foi no derbi disputado en Riazor o 30 de setembro do 2001.

O Toto era o encargado de abrir o marcador aos 22 minutos de xogo e  Edú puña o 0-2 a falta de pouco máis de vinte minutos. Foi tempo suficiente para que o infortunio de Juanfran ao marcar en propia meta e un gol de Pandiani, que saíra desde o banco, permitisen aos herculinos salvar un punto.

Pero a peor das sortes foi a de Manuel Pablo, que se lesionou de gravidade nunha acción con Giovanella. O lateral recibiu un pase de Molina e fixo un control orientado para emprender a carreira, pero adiantouse en exceso o balón e chegou ao cruzamento o mediocentro céltico, deixando unhas imaxes dramáticas tras as cales os futbolistas locais remataron consolando a un Giovanella afundido. Foi o reflexo dun encontro moi igualado e de gran dureza, aínda que resultou moi vistoso para o espectador.