O triunfo dos de Claudio Giráldez é o primeiro deixando a portería a cero no Santiago Bernabéu na centenaria historia celeste e chega 19 anos despois do último en Liga
08 dic 2025 . Actualizado á 05:00 h.Hai vitorias que se lembran durante toda unha vida. E a da noite deste domingo no Santiago Bernabéu pode ser unha delas. De feito, é a primeira que o Real Club Celta consegue en Liga, no feudo do Real Madrid, deixando a súa portería a cero -fixérao en 1977, pero con resultado de empate sen goles-. Todo un logro, ao alcance de moi poucos equipos no mundo.
Ao longo da historia, o equipo vigués xogara, en competición oficial, en 137 ocasións contra o xigante da capital, con apenas 34 vitorias. Delas, só sete foran a domicilio, o que fala claro da grandeza do conseguido no coliseo branco. En Liga, os celestes visitaran ao Real Madrid en 59 ocasións, das que 47 concluíran con vitoria merengue.
Tan só nunha ocasión o cadro vigués conseguira deixar a súa portería a cero e fora fai case medio século: o 13 de marzo de 1977. Aquel elenco adestrado por Carmelo Cedrún, con Carlos Fenoy na portería, e José María Igartua, Manolo, Villar e Suso Santomé na defensa, non atopara sucesor ata o de agora. Ramón Búa, Santiago Castro, Juan Fernández, Meniño Suárez, Ramón Sanromán e Mori completaban aquel elenco que conseguira rabuñar un 0-0 ante un Madrid adestrado por Miljan Miljanic e que contaba con xogadores da talla de Miguel Ángel, Goyo Benito, Camacho, Pirri, Vicente del Bosque e Santillana, entre outros.
A última vez que o Celta gañou ao Madrid, no seu estadio, no campionato nacional de Liga, fora o 5 de novembro do 2006. Aquel día, Nené adiantara ao Celta, a pase de Fabián Canobbio no minuto 36; Emerson igualara ao fío do descanso e Jorge Larena dáballes o triunfo aos vigueses no 82, a pase de Ángel López. Williot Swedberg, o bigoleador de onte á noite, era un párvulo de dous aniños cando se produciu aquela última xesta.
Curiosamente, aquel último asalto ligueiro ao Bernabéu chegara apenas uns meses despois do anterior, pois o 10 de setembro do 2005 tamén gañase noutro partido de ilusión (2-3). Ronaldo Nazario e Julio Baptista remontasen o tanto inicial de Contreras, pero Antonio Núñez e Fabián Canobbio désenlle aquela máxica vitoria ao Celta.
Este triunfo do Celta chegou despois de once vitorias seguidas do Real Madrid. De feito, dos anteriores 19 encontros, os celestes só rabuñaran tres empates: 2-2, no Bernabéu, o 16 de febreiro do 2020, e o mesmo resultado, pero en Balaídos, tanto o 7 de xaneiro do 2018 como o 25 de xaneiro do 2017.
O Celta non lle gañaba un partido ao Real Madrid desde o 18 de xaneiro do 2017, pero entón fora de Copa do Rey. Un 1-2 cos goles de Iago Aspas e Jonny Otto, naquel equipo dirixido por Eduardo Berizzo. O xenio de Moaña era o único futbolista do actual persoal vigués que sabía o que era gañarlle ao Real Madrid, defendendo a camiseta do Celta.
O equipo de Giráldez está imparable en Liga. Suma catro vitorias seguidas fóra de casa e, con 14 puntos, é o terceiro mellor visitante da competición. Só lle superan os dous grandes: o propio Real Madrid (18) e o Barcelona (16). Números que contrastan co seu discreto papel en Balaídos, onde aínda non gañaron e apenas conseguiron 5 puntos, o segundo peor local de Primeira División (só o Levante, con 1, empeórao).