Tanto a selección sub-21 sueca como a absoluta perderon nos seus partidos deste venres
11 oct 2025 . Actualizado á 05:00 h.O futbolista do Celta Williot Swedberg foi titular e disputou 62 minutos na contundente derrota de Suecia sub-21 ante Italia, por 4-0. Pisilli abriu o marcador aos doce minutos e repetiu no desconto do primeiro acto; antes, fíxoo Camarda, desde o punto de penalti, e despois, no desconto do partido, Berti, convertendo outra pena máxima. Trábase dun partido clasificatorio para o Europeo da categoría e agárdalles outro fronte a Polonia o martes ás 18.00.
Carl Starfelt, pola súa banda, estivo no banco no seu regreso á selección absoluta sueca tras perderse as dúas anteriores convocatorias por distintas lesións. A súa selección caeu derrotada fronte a Suíza, que se impuxo cun gol de penalti de Xhaka aos 65 minutos e outro de Johan Manzambi, que sentenciou xa no desconto. O luns teñen o seu segundo compromiso desta data FIFA, fronte a Kósovo, repetindo como locais e tamén clasificatorio para o Mundial.
Este sábado é a quenda do combinado español de Borja Iglesias, que pode volver participar coa selección máis de dous anos e medio despois. O equipo de De la Fuente mídese a Xeorxia desde as 20.45 horas no estadio Martínez Valero de Elxe.