Kevin Vázquez: «Igual foi falta de humildade mirar cara arriba sen facer o traballo»

x.r.c. VIGO

BANCADA DE RÍO

RC CELTA

O nigranés admite que non pode ser casualidade outro mal inicio de liga e pensa que ao Celta fáltalle a velocidade na circulación de balón da pasada campaña

23 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Kevin Vázquez Comesaña (Nigrán, 1993) pode analizar a situación do Celta como poucos. Desde que chegou ao primeiro equipo, catro tempadas atrás, sempre experimentou o mesmo inicio errático de liga. Pensa nesta ocasión que non acertaron a trasladar o bo traballo do curso pasado e que o equipo perdeu velocidade na circulación de balón. Aínda así, viu brotes verdes ante o Sevilla. Ademais, considera un erro criticar a Iago Aspas e a nivel persoal, non ten pensado saír da casa no mercado de inverno.

-Que pasa para que o equipo sempre faga un mal inicio de liga? Ten explicación?

-Eu non a encontro. O ano pasado acabamos moi ben a tempada e entramos con moitísima ilusión nesta, pero ao final vímonos cun golpe de realidade e talvez non soubemos valorar o traballo que fixemos o ano pasado e pólo a disposición do equipo para seguir mellorando.

-Se unha cousa se repite ano tras ano non pode ser casualidade.

-Parece que non, pero non pode ser casualidade. Temos que facer autocrítica e ver por que pasa isto, se é cousa nosa ou do destino. Non o sabemos.

-Que diferenzas atopa con respecto ao Celta do ano pasado que si gañaba partidos e xogaba ben?

-Creo que temos momentos que nos lembran ao ano pasado, pero non se prolongan no partido. O ritmo de balón está a ser un pouco máis lento que o ano pasado, non temos ese dinamismo, aínda que co Sevilla vimos ese ritmo máis alto, e antes, cando perdiamos o balón arriba, o equipo activábase moi ben, recuperaba alto e contraatacaba coa portería moi preto e iso permitíanos facer goles, que este ano por agora non estamos a aproveitar.

-Dá a impresión que hai moita tranquilidade co equipo, parécelle ben ou prefire estar en garda?

-Hai que estar en garda a condición de que perdes, ao partido seguinte tes que saír a gañar. Hai que estar en alerta por todo o que poida suceder, igual un dos erros foi a falta de humildade de intentar mira para arriba antes de facer o traballo. Temos que facer o noso traballo diario, centrarnos nos partidos e deixar de falar de cousas raras.

-O Chacho está máis nervioso que a tempada pasada?

-Está ben. Coudet confía en nós e nós nel. O ano pasado, cando chegou, eramos un equipo máis desanimado e máis morto, e este ano estamos a confiar no seu traballo. Tanto cando gañamos coma se perdemos, el sempre di o mesmo: apertar, darlle ritmo ao xogo, é un adestrador que vai moi claro coa súa idea e vai a matar sempre.

-Hai algo de certo en que a esixencia física da pretemporada fíxolles chegar cansos á liga?

-Diría que non. O traballo que fixeron o ano pasado connosco vai na mesma liña e a tempada pasada, despois da derrota en Sevilla, asinamos cinco triunfos seguidos e acabamos a tempada igual. Creo que o traballo que facemos é bo, voume máis á faceta de xogo e manter os bos minutos todo o partido.

-Catro derrotas en casa. É para estar preocupados?

-Pois si. En casa creo que estamos a xogar mellor que fóra, pero si que é verdade que a min non me gusta. En Balaídos, coa xente temos un plus e creo que se nota no ritmo de xogo, pero non no marcador.

-Como está vendo a liga?

-Moi igualada. Xa o ano pasado igualáronse moito as forzas entre os equipos de arriba e de abaixo, e este ano creo que vai polo mesmo camiño. Ningún equipo gaña con facilidade e a maioría dos partidos decídense pola mínima. Todos son difíciles de abrir, de facer goles e estamos a traballar para que nos sexa máis sinxelo.

«Con Iago diría que estamos mal acostumados e que calquera crítica é un erro»

Kevin non titubea á hora de falar de Iago Aspas, o buque insignia do conxunto vigués. O de Nigrán veo ben, convencido de que volverá ser determinante e considerando que calquera crítica cara ao moañés sería un erro.

-Como está Iago Aspas?

-Está ben, é un xogador que sempre está ben e se está mal, non o aparenta e nos adestramentos non o demostra. É un xogador cunha calidade tremenda e só lle falta agora mesmo meter o gol que necesita.

-Entende que se lle poida criticar?

-Estamos mal acostumados con el e eu diría que calquera crítica é un erro. Creo que non se merece unha soa crítica porque el o dá todo nos adestramentos e confiamos nel para que nos saque as castañas cando outros tamén temos que achegar máis.

-Notouse a volta da afección?

-Si que se nota. O fútbol sen xente non é fútbol. O fútbol é un sentimento e cando xogas con xente, iso transmítese aos xogadores.

-Que pensa cando se fala de que Balaídos é un dos campos onde menos xente vai?

-Non se se se encheu moito ou non, pero o domingo notouse que a afección estaba. Agardemos que todos vaiamos polo mesmo camiño, que diso se trata.

«O terceiro ano, coa lesión e estar nun segundo plano, freoume a progresión que pensei que ía ter»

Loitou máis que ninguén por chegar ao primeiro equipo, fíxoo con 25 anos e en despois de catro tempadas suma 30 partidos de liga en Primeira (un este ano). Kevin asume o difícil que é xogar na elite, e máis tendo ao capitán como competencia directa polo lateral dereito.

-Vive a súa cuarta tempada no primeiro equipo, cal é o seu balance ata agora?

-Os comezos non foron doados polo meu rol no equipo, con catro partidos de liga, compartindo posto cun emblema do equipo. O segundo ano sentinme cómodo, xoguei bastante e gañando máis protagonismo, e o terceiro ano coa lesión e estar en segundo plano freoume a progresión que eu pensaba que ía ter. Sei que é difícil, que xogar en Primeira é moi complicado e no Celta , compartindo posto con Hugo Mallo, ter minutos aínda máis. Este ano tamén vou loitar por xogar o máximo.

-Como vai a doenza da man?

-Non moi ben. Non pechou a fractura e hai dúas opcións de operación máis, pero creo que vai quedar así porque as operacións non son moi sinxelas. Haberá que valoralo o próximo verán. Non limita para xogar, pero é incómodo porque tes que xogar coa férula e condiciónache para facer exercicios de forza.

-Xogou un partido este curso e nun día difícil no Sadar.

-Osasuna está a facer un gran traballo. Arrasate demostrou naquel partido que ten un equipo moi ben traballado. Conseguimos un punto pero custounos moito. No plano defensivo, facíame dous para un con subidas do lateral e intentei defendelo como puiden.

-Que fai para estar preparado sempre e cumprir cada vez que ten a oportunidade?

-É o meu traballo, como na vida. Cando che chaman, tes que estar preparado. É moi posible que algunha vez teña que xogar despois de moito tempo, pero tamén é humano fallar un día.

-É un home de paciencia?

-Non adoito tela, pero neste caso hai que agardar e seguir traballando como o primeiro día que cheguei ao primeiro equipo, con esa ilusión e con esa ambición de pelexar e gañar o posto.

-Loitou como ninguén para subir ao primeiro equipo, pero despois destes catro anos, cre que mereceu a pena?

-Todos os canteiráns temos como obxectivo subir ao primeiro equipo sexa como sexa e facendo o traballo que nos toque facer. Estou nun segundo plano no terreo de xogo, pero hai outros ámbitos dentro do vestiario nos que hai que sumar.

-E se non pode sumar no campo, onde suma?

-No día a día, no traballo, adestrando con alegría, póndolle intensidade e na competencia co meu compañeiro de posto. Axudando en todo o que poida, aínda que sexa animando aos meus compañeiros desde o banco.

-Coudet falou con vostede?

-Non, pero tamén teño as cousas claras. Sei que o meu traballo pode xogar a favor e eu dedícome a traballar e que el se fixe en que aínda que non xogo, estou aí, e que cando teña que contar comigo, teña toda a confianza en min.

-Exponse saír en xaneiro?

-Por agora, non.

-Aínda que non teña pensado saír, chegáronlle ofertas?

-Que eu saiba, por agora, non.

-A idea é acabar os cinco anos de contrato?

-A miña idea é acabar os cinco anos e se pode máis, tamén. Eu estou contento aquí, estou en casa e no club que quero.