As claves do baleiro de Balaídos, vistas polo celtismo

m. v. f. VIGO / LA VOZ

BANCADA DE RÍO

M.Moralejo

Afeccionados profundan nos que creen que son os motivos da falta de espectadores

21 oct 2021 . Actualizado ás 21:10 h.

10.774 espectadores sobre unha capacidade de 18.267 -cifras oficiais- presenciaron o domingo en Balaídos a partida fronte ao Sevilla. Por que tan poucos? A cuestión é complexa e cando se lles formula a pregunta aos afeccionados do club, son moitas as respostas que saen a relucir. Unhas, con máis forza, e outras, de xeito máis residual, pero a impresión é que, en maior ou menor medida, todas confluíron para que no estadio haxa máis butacas baleiras do esperable. Máis dun centenar de persoas deron os seus puntos de vista ao lanzar a cuestión nas redes sociais de Bancada de Río, a web do Celta de La Voz.

Número de socios

«Seremos 12.000 como moito»

O número de socios revélase, sin duda, como unha das claves. A cifra non se fixo pública, pero Mouriño si dixo que renovaran «o 90 ou o 95 %» dun total de 16.801 que, segundo a entidade, era a cifra da tempada pasada. «Non hai os socios que din que hai», opina Nuria Nuño. Para Álex Vila son «12.000 como moito». O resto de respostas á pregunta principal de por que vai menos xente a Balaídos buscan contestar ao mesmo tempo por que non hai máis socios. O primeiro gran interrogante.

Trato ao abonado

«Andan a patadas cos socios»

Son moitos os abonados que se din decepcionados polo trato recibido por parte do club. Tanto  entre os que por ese motivo deixaron de selo como entre os que continúan. «Andan a patadas cos socios», lamenta Manuel García Losada. Alberto Filgueira apunta: «A xestión e o trato aos abonados son patéticos. E dígoo como abonado». Só dous exemplos de moitos, con uso frecuente de palabras como «malos tratos» ou «ninguneo». Para Adrián Bravo, «o Celta como entidade empresarial decidiu que as persoas que asisten á bancada son secundarias». Tamén hai quen cre que non son motivos suficientes: «A min non me bota ninguén de Balaídos por moitas faenas que me fagan, o Celta está e debe estar sempre por amais », reivindica Marga Reguenga. Nico Galiñanes, pola súa banda, afirma: «O de 'nos maltratan' é a excusa perfecta para xente que ten outras prioridades».

Prezos

«Ir ao fútbol é carísimo para moita xente»

A cuestión dos prezos non é un tema exclusivo do Celta , pero tamén inflúe no seu caso. Son moitos quen consideran que tanto un abono como a entrada para un partido concreto son luxos que non están ao seu alcance. «É carísimo para moita xente; se fose máis barato, estaría cheo», di Herminia Hernández. Mou Somoza lévao ao seu caso persoal: «Non teño un duro e esta carísimo ir ao fútbol»; o mesmo que Uxío Fernández: «Non me podo permitir pagar un abono e nin moito menos pagar entradas soltas. E non por iso son menos celtista». Álvaro Diéguez é da opinión de que «o modelo de fútbol hoxe en día é irreal e poñen os prezos polas nubes», punto de vista similar ao de Miguel Carballa, que expón que o fútbol de Primeira é actualmente «un espectáculo que non vale o que piden por el». Outros exemplos entre moitos máis comentarios na mesma liña.

Financiamento

«Botáronme do estadio»

En relación co anterior, había abonados que levaban anos financiando o abono e era o xeito que tiñan de poder permitirllo. Este ano eliminouse nunha decisión moi criticada que Mouriño xustificou na rapidez coa que tiveron que pór en marcha a campaña e a dificultade de xestionar eses trámites. «Botáronme do estadio», di Kiko Yanes, afectado pola supresión desa opción. Crese, a maiores, que o feito de sacar unha campaña coa capacidade aínda reducida e sen saber a cantos partidos íase acceder pode ter botado atrás a moitas á hora de renovar ou darse de alta. A imposibilidade en principio de realizar os trámites de xeito presencial foi unha limitación para abonados de máis idade.

Fidelidade

«Somos os que somos»

Algúns perciben que hai afeccionados que van e veñen, especialmente en función dos momentos de resultados que viva o equipo. «Fieis somos 7.000. O resto, segundo vaian as cousas», valora Mercedes Sánchez. Non é unha impresión illada. Xosé Ramón Alonso pensa que van «sempre os mesmos, en Segunda e en Champions. Só se enche nas semifinais». Guillermo González expresa que «vos celtistas de corazón, dásvos boas e as malas» non son tantos como lles gustaría.

Motivación

«Non se ilusiona loitando cada ano por non descender»

As últimas tempadas, pese ao empurre o ano pasado de Coudet, poden ter afectado no ánimo da afección. «O equipo non esperta ilusión todos os anos loitando por non descender, con fichaxes que non quere ninguén…», expón Pablo Ventura. Outros mencionan que ás veces ir a Balaídos é «pagar por aburrirche», na mesma liña que Jacobo Fernández, que se queixa de que «o Celta está a xogar de pena» e engade que «se eliminas da ecuación a paixón polo Celta , a Balaidos non iría ninguén». Algúns lamentan que os célticos «non enganchan» e aparecen referencias a un cadro de persoal «cheo de carencias, veterano e descompensado».

Obras e recolocacións

«Agora estamos en Gol, afastados uns dous outros»

Luís Pereiro conta a súa experiencia sobre as consecuencias das recolocacións: «Ía xunto coa miña filla, un sobriño e tres amigos. Ao derrubar Marcador, estamos en Gol, afastados todos uns doutros». Segue indo, pero entende que haberá quen deixou de facelo. Hai referencias, así mesmo, á incomodidade do estadio a pesar da reforma. «Un vetusto Balaídos e unhas obras municipais protagonizadas polo Concello e a Deputación que se alongan no tempo pola incompetencia destas institucións» son as principais causas a ollos de Xavier Yter.

Distancia e horarios

«Vir supón moitos gastos»

Moitos dos abonados de fóra, algúns dos cales afirman que son maioría sobre os vigueses, enfróntanse a un dobre problema: os gastos do desprazamento e, en ocasións, a imposibilidade de acudir polos horarios ao estar lonxe de Vigo, especialmente dado o «excesivo número de partidos entre semana». Nese sentido, desde a pena A Mao Negras inciden nunha vella demanda: «Ceder o abono. Non se entende que queden os asentos baleiros porque o titular non poda ir». 

Outros

Da política aos 50 euros

As respostas mencionan aspectos como que Vigo é unha cidade industrial que o está pasando mal con «estaleiros a medio gas e automoción en ERE» -o cal estaría relacionado con que haxa menos socios e menos afeccionados dispostos a pagar entradas-, que os Miudiños -abonados menores de cinco anos- non estean a ter opción de invitacións polo momento como en tempadas anteriores ao non ter asento garantido, a falta de aparcadoiro, o transporte público mellorable, a comodidade de velo en casa á que moitos se habituaron por mor da pandemia, o hastío polos desacordos Celta -Concello que provocou que algúns afeccionados se distancien, a coincidencia o pasado domingo con fútbol de categoría rexional, o malestar polos 50 euros do curso pasado e, en relación con isto, a sensación estendida de que ao club «só lle importa o negocio», en palabras de Samuel Moreno, entre outros.

Máis opinións:

Twitter de Bancada de Río

Facebook de Bancada de Río