Remontada de confirmación do Celta B

x.r.c. VIGO

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

Os vigueses voltearon o tanto inicial do Racing de Santander e suman sete puntos dos últimos nove

19 sep 2021 . Actualizado ás 14:45 h.

O Celta B remontou ante o Racing de Santander, un dos galos da categoría, e sumou sete dos últimos nove puntos de nove. Bustos adiantou aos cántabros pero Alfon empatou de cabeza empatou na xogada seguinte e mediado o segundo tempo Álex Martín anotou o tanto do triunfo dun conxunto vigués, que aguantou cun recital defensivo a artillería aérea do rival.

O Celta B puxo o fútbol e o Racing a experiencia no primeiro tempo e o resultado foron as táboas nun acto accidentado cun lesionado no filial (Carrique) e un contusionado (Carbonell). Os santanderinos saíron a presionar moi alto a saída de balón do conxunto vigués e un roubo de balón aos oito minutos posibilitou que Álvaro Bustos adiantase aos de Guillermo Fernández Romo, pero na xogada seguinte o Celta B empatou. Nunha rápida saída de balón, con centro de Carrique ao corazón da área e un cabezazo de Alfon entrando con todo no segundo pau.

O tanto lle deu ás a un equipo filial que intentou tocar en todo momento e que tivo o segundo nos pés de Iker Losada, pero o seu remate tras unha gran asistencia de Alfon estrelouse no lateral da rede. Cedric desde a frontal tamén estivo a un palmo do gol, pero na mesma xogada tiña a Alfon só en posesión inmellorable.

O Racing, con moi pouco fútbol, pero con moitos centímetros e chegada, tamén intimidou cun balón ao pau e unha chilena envelenada de Bustos que se foi fóra por pouco.

O Celta B tivo máis gasolina na segunda metade e rematou remontando o partido. Fíxoo cun gol de rexeite a saque de córner culminado por Álex Martín e polo recital dos centrais á hora de devolver todo o xogo aéreo dun Racing de Santander que o fio todo a un croque ou un tiro afastado. Álex e Javi Castro non concederon ningunha opción, Iker Losada, reconvertido en lateral, respondeu os momentos precisos e todo o equipo foi solidario na presión para aguantar as arremetidas cántabras e certificar o seu segundo triunfo consecutivo.