Máis cuestión de estilo que de erros puntuais

Adrián Rubio VIGO

BANCADA DE RÍO

RC CELTA

Polo xeito de xogar do Celta , as facilidades defensivas non son un problema de doado solución

15 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Polo estilo de xogo do Celta , as facilidades defensivas non son un problema de doado solución. Cando un equipo aperta arriba, se perde o balón, o rival vai ter moito espazo ás costas. Os vigueses son un equipo que expón moito con tantos xogadores por diante da pelota e o problema defensivo é máis un tema de estilo que un erro puntual.

Para o tipo de xogo que desprega, podería dicirse que o Celta ten centrais contra natura, porque sendo bos xogadores, a velocidade non é unha das súas maiores virtudes. O que si se debe corrixir son esas perdas innecesarias e o chegar media décima tarde á presión.

Ademais, hai que ter en conta que salvo Osasuna, o equipo de Coudet enfrontouse posiblemente aos tres rivais que mellor contragolpean da liga: o Madrid ten xente rápida, o Athletic é súper vertical e ten unha bala como Iñaki Williams e o Atlético leva anos explotando as contras.

Fronte ao Real Madrid, a maiores, quedou patente a importancia de Tapia neste equipo. Se sempre se fala de Iagodependencia , tamén podemos dicir que o Celta ten Tapiadependencia. O peruano é un xogador que varre moito, e que tapa moitas das carencias que pode ter o equipo na fase defensiva. Se Tapia non está, ou non está ao máximo, o equipo nótao moitísimo.

Talvez unha solución sería xogar cun dobre pivote, pero significaría renunciar a un xogador máis de ataque e o Chacho ten clara a súa idea. Por iso o que ten que facer o Celta desde o meu punto de vista é optimizar a súa idea de xogo, o que pasaría por axustar as vixilancias, cometer menos erros na perda de balón e facer unha presión alta case perfecta, algo que non hai moitos equipos que sexan capaces de facer no mundo.