Manter a estrutura e evitar os contragolpes do rival

José Luis Mosquera VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Xa sabemos o partido que se vai dar. O Cádiz agardando atrás e o Celta terá a pelota. Non creo que haxa sorpresas nese sentido. O balón parado tamén pode ser fundamental.

Cervera repite que lles di aos seus xogadores que o Cádiz non pode gañar os partidos indo polo rival, porque así os matan. Son un equipo que ten que defender, creo que vai facelo e o Celta terá que ver que fai co balón.

Seguro que lle van reducir a comodidade de ter espazos, onde o Celta , para min, é capaz de dar uns lategazos que son tremendos. O bo dos vigueses é que en ataque son un equipo máis efectivo. Non creo, no entanto, que a contenda nos depare un marcador amplo.

Con respecto á baixa de Santi Mina, creo que o Celta vai manter a estrutura e vai apostar por Ferreyra no once. O arxentino é un xogador que chegou para encher un pouco o fondo de armario, se non se falaría doutro tipo de dianteiros.

Considero que vai manter a estrutura porque este Celta cando é capaz de xogar ao contragolpe, de enlazar e recuperar o balón onde están estes xogadores, é letal, por iso necesita un dianteiro que permita que Iago estea máis liberado. Meter a Beltrán sería meter máis do mesmo e os centrais rivais non terían que estar tan atentos, e o Celta vive dos movementos entre liñas dos xogadores. Por exemplo, ante o Sevilla encantoume Brais nesta faceta. Será importante ver como os célticos se poden mover entre liñas e como filtran os balóns sen dar opcións de contragolpe ao Cádiz. Os amarelos o que mellor fan é saír por fóra, especialmente pola banda de Hugo Mallo. Eles non van perdoar o mínimo fallo que teña o Celta , porque están confeccionados para vivir diso.

Por outra banda, o partido co Sevilla foi un reflexo do problema da tempada: os goles encaixados. Os célticos son o segundo equipo que máis encaixa e os de Lopetegui metéronlle oito nos dous partidos. É certo que o Celta meteulle cinco e o luns mesmo na primeira parte fixo dubidar aos hispalenses, pero despois escápaselle o partido porque non é consistente, e creo que ese é o hándicap.