O mal exemplo do Zaragoza

Antonio Estévez VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vazquez

03 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Despois de tres anos tonteando perigosamente co descenso, o Real Zaragoza despedíase da máxima categoría na campaña 12/13, a famosa do 4 % para o Celta . E oito anos despois, os maños seguen purgando as súas penas e os moitos erros cometidos na Segunda División.

O exemplo que está a vivir un dos clubs máis importante do fútbol español é o máis próximo no tempo que atopei para alertar do que está a suceder en Vigo. Desde que Carlos Mouriño despedise a Eduardo Berizzo de forma caprichosa e inxustificada, o Celta leva dando tumbos as tres últimas tempadas. Non ter feito os deberes durante o pasado verán para mellorar as prestacións do cadro de persoal empeza a pasarlle factura a un equipo no que xa está a fallar case todo.

Salvarse do descenso nas dúas campañas anteriores non parece ter sido suficiente para que reflexionasen uns dirixentes máis preocupados en gañar outras batallas. E aínda que Óscar García Junyent é, pola súa condición de adestrador, un dos principais responsables deste proceso de descomposición, nin moito menos é o único culpable. Os xogadores, salvo Iago Aspas e Renato Tapia, non están á altura das circunstancias e Felipe Miñambres di «amén» a todo o que vén imposto desde arriba para seguir cobrando o seu contrato de director deportivo.

Buscando desviar o foco que ilumina as mediocres campañas do primeiro equipo, a directiva leva tempo presumindo de canteiráns, da súa nova cidade deportiva ou da súa boiante situación económica. Pero aínda sendo importante todo o anterior, a Mouriño ninguén lle aplaudirá por presidir o equipo máis rico do cemiterio se o Celta acaba descendendo a Segunda. E diso saben bastante en Zaragoza.