O adestrador que nunca repite

x.r.c. VIGO

BANCADA DE RÍO

RC CELTA

Óscar García non deu continuidade ao once de saída en ningún dos seus 28 partidos á fronte do Celta e Iago Aspas é o único que só se perdeu unha titularidade

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Vinte e oito partidos leva Óscar García Junyent á fronte do Celta e nunca repetiu once inicial. Entre xornada e xornada, como mínimo introduciu unha modificación e ningún xogador foi parte da formación inicial os 28 partidos, aínda que Iago Aspas só o deixou de facer nunha ocasión e por sanción (en Xetafe).

Óscar García sempre repite que todo o persoal é igual de importante e que todos os seus xogadores deben estar preparados para cando chegue en momento, e aínda que as diferenzas de protagonismo son importantes, a súa política de cambios permanentes nos onces (e non poucas veces de debuxo) avala en parte o seu discurso.

O paradigma da aposta pola rotación permanente reflícteo o tránsito entre os partidos da tempada pasada ante Alavés, Real Sociedade e Barcelona. Ao de Sabadell non lle valeu a goleada por 6-0 aos babazorros para dar continuidade ao once en Anoeta e o triunfo ante a Real (a única vez que o equipo encadeou dúas vitorias con el no banco) tampouco foi razón suficiente para repetir ante o Barcelona. O que confirma que o resultado só ten a súa parte de importancia na toma de decisións.

UN CAMBIO

En catro ocasiones e para variar o plan de xogo

Ao longo destes 28 partidos, unicamente en catro ocasiones só fixo un cambio. Ante o Valladolid en Balaídos a tempada pasada, cando lle deu a alternativa a Santi Mina en detrimento de Brais Méndez; co Eibar, tamén como local, cando apostou por Pione Sisto e sacou a Fran Beltrán; en Mestalla metendo ao Toro Fernández no campo no canto de Santi Mina e co Alavés no 6-0 decantándose por Denis e prescindindo de Aidoo. Cambios que na súa maioría chegaban aparellada unha modificación de debuxo ou de tendencia de xogo.

Os MAIORES MOVEMENTOS

Cinco cambios ante Osasuna o curso pasado

Foi o primeiro partido como titular de Iván Villar e iso supuxo que Óscar García cambiase a máis de medio equipo, xa que tamén lle deu entrada a Araujo no centro da defensa, a Okay e Rafinha no centro do campo e a Santi Mina no ataque. Foi despois de empatar co Atlético de Madrid. Cinco novidades presentou o Celta tamén no inicio desta tempada en Ipurua con respecto ao partido de Cornellá, pero hai que ter en conta que Tapia e Emre Mor eran novidades no persoal con respecto ao pasado. Araujo, Okay e Nolito, completaron o quinteto.

CON MÁIS ALTERNACIONES

Santi Mina entrou e saíu o onde en sete ocasiones

Santi Mina é o xogador que máis entrou e saíu da formación inicial con Óscar García. Nesa secuencia de 28 partidos recuperou a titularidade en sete ocasiones e perdeuna noutras tantas de feito rematou a pasada liga xogando e por agora só xogou uns minutos ante o Eibar saíndo desde o banco. Nesta alternancia séguelle Fran Beltrán con seis entradas no once nun medio campo onde Bradaric e Okay tamén tiveron alternancia.

O LATERAL DEREITO

A cohabitación de Hugo Mallo e Kevin

En cinco ocasiones recuperou a titularidade Kevin co técnico catalán e noutras tantas o fixo Hugo Mallo. Os dous repartíronse o lateral dereito a pasada tempada aínda que neste curso o de Marín saíu como titular nos dous partidos disputados. Brais Méndez, outro canteirán, tamén é un xogador de alternancia: volveu en cinco ocasiones ao equipo inicial co preparador de Sabadell.

O MÁIS TITULAR

Iago Aspas saíu de inicio en 27 dos 28 partidos

O moañés só se perdeu desde a chegada de Óscar un partido e por sanción: ante o Xetafe antes do confinamento. Pola contra tería feito pleno na formación inicial desde a chegada do novo adestrador, que por outra banda xa contou con tres porteiros.

Os MENOS UTILIZADOS

O Toro , Juan Hernández e Juncà só xogaron un partido de cara

O Toro Fernández en Valencia, Hernández ante o Vilarreal e Juncà na estrea do Camp Nou. Foron as únicas ocasións onde os tres foron titulares co adestrador do Celta . Dous xa saíron cedidos e o outro podería rescindir en breve. Jorge Sáenz xogou tres partidos de inicio no mes de xullo.