Un terremoto no Porvir

Víctor Vázquez VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

03 ago 2020 . Actualizado ás 21:26 h.

Coñezo a Hugo Mallo desde pequeno, cando os dous comezamos no Porvir de Marín.

O que resaltaría de Hugo é que aos 29 anos ten a mesma humildade que cando tiña 10, o que é digno de encomiar. Os seus amigos seguen sendo os de sempre e xogando ao fútbol xa se ve que é un competidor nato e unha persoa que en amor ao seu club hai poucos que poidan demostrar o mesmo que el.

No Porvir era un rapaz pero xa se vía que tiña moitas cualidades. Desde pequeno era un terremoto, un todocampista ao que non lle chegaba o campo para el só e cos anos foi sumando outros aspectos futbolísticos como a experiencia e a experiencia que ten agora. Gañou tamén saber estar e tranquilidade, algo que con 20 é imposible.

Os 231 partidos son unha barbaridade en Primeira. Ninguén regala nada e el gañoullos co seu esforzo diario, con traballo e apertando nos días malos. Véxolle moitos anos máis a elite e oxalá se retire no Celta .

Víctor Vázquez excompañero e amigo de Hugo e futbolista