Deixen traballar (e fichar)

Lucas Méndez VIGO

BANCADA DE RÍO

M.MORALEJO

Óscar García debe ter peso na planificación

25 jul 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O próximo Celta terá que parecerse ao que Óscar García vén reclamando. O de Sabadell queda tocado tras o accidentado final de campaña, pero parece o técnico adecuado para reconducir e dar estabilidade á nave céltica. O seu ideario futbolístico casa cunha praza desexosa de revivir o mellor nivel dos seus homes.

Ao que xa hai, e nun ano sen moito posible retoque, o Celta deberá sumar homes rochosos, que acheguen carácter e xerarquía. A fichaxe de Tapia parece ir encamiñado cara a ese fin. A continuidade de Jeison Murillo faría o resto. Arriba, o Celta debe soltar lastre. Hai solucións que non funcionaron e Iago Aspas segue cumprindo anos, co que iso implica. Se o club desexou con tanto afán a Óscar, agora debe deixarlle traballar. Debe tomar partido en materia de fichaxes con algún perfil que some versatilidade nun ataque que tivo a pólvora mollada. Santi Mina é aínda novo e o seu malgaste físico está fóra de toda dúbida. Será nas bandas onde o club vigués deberá redobrar esforzos para incrementar o perigo co que pise área rival. A Primeira División non concede un milímetro e o Celta ten futbolistas de calidade atenazados. Para isto, a parte mental será crucial. Toca liberar tensións nunhas curtas vacacións para intentar devolver ilusión ao celtismo.