Rubén sofre unha lesión muscular pendente de probas

LA VOZ VIGO

BANCADA DE RÍO

Xoán Carlos Gil

As primeiras exploracións apuntan a unha rotura muscular no recto anterior da coxa dereita

08 jul 2020 . Actualizado ás 10:12 h.

O Celta informou esta mañá de que Rubén Blanco , que se tivo que retirar lesionado aos 81 minutos da partida fronte ao Atlético, sofre unha lesión muscular pendente de probas. Tal e como afirmara xa o técnico do equipo, Óscar García Junyent, á conclusión do encontro, as primeiras exploracións apuntan  unha rotura muscular no recto anterior da coxa dereita.

O técnico non ocultaba que non cre que o gardameta mosense, que o xogou todo desde o reinicio da Liga , poida reaparecer no presente campionato. «Creemos que ten unha lesión no recto. Non creo que poida acabar a Liga », revelaba o catalán ante os micrófonos de Movistar. Nas próximas horas realizaránselle probas médicas para determinar o alcance exacto da lesión, segundo indicou o club nun comunicado á primeira hora desta mañá.

Despois, en rolda de prensa, tiña palabras de eloxio para o seu substituto, o tamén canteirán Iván Villar. «Iván está a adestrar moi ben desde o primeiro día. É un porteiro de nivel e alégrome de que teña tido esta actuación. Temos plena confianza en el», indicou lembrando tamén que, do mesmo xeito que Sergio -que agora sofre unha nova lesión- tivo que ser operado dun problema de xeonllo este curso.