Gustavo López: «Por suposto que me gustaría adestrar ao Celta »

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

O excéltico lembra que o club é a súa «segunda casa» e revela unha anécdota con Penev

01 abr 2020 . Actualizado ás 21:05 h.

O excéltico Gustavo López, actual comentarista deportivo e con formación como técnico, mantivo esta tarde unha charla a través das redes sociais da Cadena Ser con Jacobo Buceta e Antón Meana. E na charla tivo cabida o equipo vigués, ao que o arxentino pertenceu entre os anos 1999 e 2007.

Ao Cuervo formuláronlle a pregunta de se lle gustaría adestrar ao Celta no futuro, un asunto sobre o que xa se pronunciou nalgunha ocasión anterior, e no que deixou de novo as portas abertas. «Por suposto que o día que tome a decisión de ser adestrador seguro que me gustaría. É a miña segunda casa, está dentro do meu corazón e por suposto que si», reiterou. Chanceou, así mesmo, con que a súa cláusula de rescisión en Carrusel é «moi alta», a pesar do cal «nalgún momento podería chegar» a ocasión de sentarse no banco do equipo.

Ademais, revelou unha anécdota da súa etapa de céltico, ao pouco de fichar. «Cheguei da man de Víctor Fernández e eu sabía que nas súas charlas técnicas antes do partido non lle gusta que voe nin unha mosca», relatou. A pesar diso, cando todos estaban a lle atender, alguén chamou á porta. «Había un silencio absoluto e entrou un camareiro cun café e dous croissants, tremíalle a man. Víctor, a berros, preguntou quen pedira iso», relata Gustavo. «E salta un futbolista de gran envergadura: ‘É para min, que non comín'. Era Lubo Penev e eu pensei: ‘A que vestiario vin?'».

Como lembrou Gustavo, o búlgaro e el apenas coincidiron en Vigo. O verán en que chegou o arxentino foi o mesmo en que se marchou o dianteiro tras unha única tempada como xogador do Celta na que marcou 18 goles en 41 partidos e deixou un gran recordo.