«Terceiro grao» Carcamán ao Celta

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo A Illa / LA VOZ

BANCADA DE RÍO

Afeccionados illenses interrogaron a Sergio, a Santi Mina e a Araújo con preguntas como «Cando tedes pensado darnos unha alegría?», ou «Onde preferides ver o Dépor, en Primeira ou en Segunda B?»

14 novs 2019 . Actualizado ás 21:03 h.

A Illa é territorio celeste. Sábeo todo canto xogador, adestrador e directivo do Celta se prece. Sabíao de sobra o catoirense Sergio Álvarez antes de acudir por enésima ocasión á chamada da Peña Carcamáns Celestes para que os rapaces da vila arousá gozasen dunha hora con algúns dos seus ídolos do vestiario de Balaídos, e descubrírono na tarde deste xoves o vigués Santi Mina e o mexicano Néstor Araújo no seu primeiro paso pola capital mundial dos seareiros celtistas. Os tres recibiron unha mostra de amor sincero. Do que anima con cariño e con aplausos. Pero do que lle chama tamén ás cousas polo nome, obrigando a encarar os malos momentos de fronte, sabendo que esa é a única maneira de resolvelos.

Quizais pensaran Santi Mina e Néstor Araújo que todo ían ser risos ante cámaras de móbiles, movemento de pulsos sobre papeis e camisolas, e típicas preguntas sobre Messi no acto co gallo dos 21 anos de Carcamáns Celestes. O dianteiro vigués topouse a pé de coche cunha ducia de afeccionados, maioritariamente rapazas, para inmortalizarse con el; as máis espelidas, equipadas cunha cartulina manofacturada requeríndolle a súa camiseta na sede da Peña antes de partir cara un auditorio onde agardaban uns 200 seareiros, na súa maioría, nenos. E entón comezou a quenda de preguntas.

«Que adestrador vos gusta máis, Fran Escribá ou Óscar García?», soltou Silvia, unha rapaza duns 9 anos. Gargallada de Sergio. Unha man tapando media cara de Néstor Araújo. E Santi Mina recollendo primeiro a luva cun «¡Empezamos forte! ¡Uff!». O punta respostou que «non podemos comparar adestradores. Cada un ten a súa idea. Co anterior adestrador non funcionaron as cousas da mellor forma posible. Agora con Óscar afrontamos o reto con ambición de sacar o equipo de onde está. É un sopro de aire fresco que nos vai vir moi ben».

«Inda nos estamos coñecendo. Cada mestre ten o seu libriño. O que temos que facer os xogadores é adaptarnos ao que nos pide o adestrador», dixo Sergio, que comentou que «os resultados non chegaron, e destituíuse o adestrador. A ninguén lle gusta». Néstor Araújo compartíu as palabras dos seus compañeiros, e engadíu que «nós estabamos a matar con Fran, e agora co novo míster. Hai que loitar e saír de onde estamos».

«As cousas cambiarán»

Pero se os tres futbolistas pensaban ter escoitado a máis gorda, na seguinte intervención unha muller lles espetaba a pregunta que todo celtista leva tempo facéndose: «Cando tedes pensado darnos unha alegría?». E aquí a experiencia é un grao. Sergio tomou a palabra: «Esperemos que o seguinte domingo que xoguemos, e o seguinte partido en Balaídos, ante o Valladolid». E deixou claro que «tanto vós, coma nós necesitamos esa alegría. Inda que non o creades, nós tamén o pasamos mal. Somos xente nova, que necesitamos gozar dunha alegría». Unha resposta acollida con aplausos no auditorio da Illa, como todas as do trío celtista, que escoitou de Santi Mina unha declaración de intencións semellante á do Gato de Catoira: «Os xogadores somos os primeiros que nos imos amolados a casa despois doutra derrota. Entendemos á afección. Nin vós nin nós merecémonos estar onde estamos. As cousas cambiarán, e volveremos darvos alegrías».

«Onde preferides ver o Dépor, en Primeira ou en Segunda B?» A lección de Sergio

A última pregunta carcamán regaloulles aos presentes unha razón máis entre un millón para agradecer a continuidade de Sergio Álvarez no vestiario do Celta. «Onde preferides ver o Dépor, en Primeira ou en Segunda B?», inquiríu un adolescente. O Gato de Catoira non tardou un segundo en respostar como o que é, un señor: «Eu son dos que pensa que nunca hai que desexarlle mal a ninguén. A min gústame xogar contra o Dépor. Seguro que a vós tamén vos gustan eses derbis. Son partidos que fomentan o fútbol, que fomentan a Galicia. Que os dous equipos estiveramos na elite sería o mellor para todos». Ovación, e paso a unha longa sesión de fotos e de autógrafos pechando o «terceiro grao» dun fiel amigo preocupado.