Hugo Mallo marcaba o seu primeiro gol co Celta fai dez anos

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Marta G. Brea

Foi nunha partida fronte ao Vilarreal no que tamén marcou Iago Aspas

16 oct 2020 . Actualizado ás 22:51 h.

2010: O actual capitán do Celta , Hugo Mallo, conseguía fai hoxe dez anos -co equipo en Segunda- o seu primeiro gol co equipo. Foi a domicilio fronte ao filial do Vilarreal nun encontro que rematou con empate a dous goles no marcador. O vigués Iago Falqué abriu o marcador e Iago Aspas -que fora suplente ese día- puxo as táboas pouco despois; a continuación marcaba o lateral de Marín e o conxunto local empataba nos últimos instantes cortando un refacho celeste de sete triunfos seguidos.

Paco Herrera aliñara aquel 16 de outubro do 2010 a Falcón, o propio Hugo, Jonathan Vila, Catalá, Roberto Lago, Bustos, López Garai, Joan Tomás, David Rodríguez, Álex López e Papadopoulos. En fronte, nun equipo adestrado por Javi Gracia , estaban o que posteriormente se convertería en futbolista céltico Natxo Insa, que fora da partida.

O seguinte gol de Hugo faríase agardar ata maio do 2015, no 3-2 ao Espanyol da última xornada dese curso en Balaídos no que dedicou o tanto a Oubiña, que acababa de anunciar a súa retirada e despediuse nese partido. Ao ano seguinte anotou en Mestalla (vitoria celeste por 0-2) e xa na tempada 2016/2017 logrou ata tres goles: ante Sporting e Deportivo en Liga e ante o Krasnodar en Europa League.

No curso 2017/2018 quedou sen ver portería, o mesmo que a pasada, mentres que hai dúas tempadas conseguiu un único tanto, fronte ao Real Madrid en Balaídos nun partido disputado o 11 de novembro do 2018 nun partido que rematou con resultado de 2-4 para o conxunto que nese momento dirixía Solari.