Cúmprense dez anos do debut de Sergio Álvarez en Primeira

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

M. MORALEJO

O Gato de Catoira estreábase por sorpresa fronte ao Sevilla por lesión de Javi Varas no quecemento

05 oct 2022 . Actualizado ás 12:32 h.

2012: O gardameta céltico Sergio Álvarez estreábase de forma inesperada co primeiro equipo do Celta tal día como hoxe. O Gato de Catoira estaba preparado para ir ao banco fronte ao Sevilla como viña facendo nos partidos anteriores desa tempada do regreso a Primeira, pero un contratempo de última hora precipitou o seu debut baixo paus na máxima categoría.

Javi Varas, cedido precisamente polo conxunto hispalense esa tempada, estaba chamado a defender a portería do Celta na tarde do 5 de outubro do 2012, pero lesionouse no quecemento, o que levou a Paco Herrera a botar man do canteirán. Foi un debut practicamente soñado para Sergio, con vitoria celeste e mantendo a portería a cero (o resultado final foi de 2-0).

XOAN CARLOS GIL

Sergio mostrouse tranquilo e mesmo realizou dúas intervencións de mérito para que o equipo puidese sumar tres puntos craves. Naquela tempada, O Gato só disputou en Liga aquel partido e o seguinte, a visita ao Bernabéu, antes de que Varas se recuperase. Unha nova lesión do sevillano na recta final de Liga coincidiu con outra de Sergio, polo que foi Rubén quen se puxo baixo paus nos últimos partidos nos que se forxaría a lembrada salvación do 4 %.