Thiago Alcántara: «Como celtista estou moi contento de ter a un xogador como Rafa no meu equipo»

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

Javier Etxezarreta

O irmán de Rafinha celebra a incorporación do centrocampista ao Celta

04 sep 2019 . Actualizado ás 21:49 h.

Thiago Alcántara concedeu unha entrevista a Televisión Española na concentración coa selección española na que fala, entre outros temas, da fichaxe do seu irmán Rafinha polo Celta . E á hora de valoralo volve expresar algo que deixou claro en moitas ocasións con independencia de que a familia estivese vinculada ao club ou non: a súa afección polo Celta .

«Como celtista, primeiro de todo externamente, estou moi contento de ter a un xogador como Rafa no meu equipo», proclama o futbolista do Bayern de Múnic deixando á marxe o seu vínculo familiar co centrocampista céltico. E pronuncia esas palabras cun sorriso de orella a orella que confirma o que expresa.

Despois fala como irmán: «Sobre todo a nivel e máis importante, a nivel persoal, estou contento polo traballo que lle levou durante a pretemporada a estar ben despois da lesión de xeonllo». Ademais, asegura que «poder acabar nun club como o Celta era o seu soño» ao comezo da pretemporada e cumpriuse.

 Thiago declarouse celtista publicamente en máis dunha ocasión, unha afección que nace por mor dos anos que pasou en Vigo durante a súa infancia cando o seu pai, Mazinho, militaba no equipo. Un exemplo claro era este de marzo do 2016.

Ademais, na entrevista tamén confesa que lle gustaría continuar co seu fillo unha tradición que tiña co seu pai na súa infancia: «Os domingos pola noite, antes de ir ao colexio, viamos os resumos dos goles e falabamos dos equipos. Se podo seguir esa tradición, por que non».