Denis Suárez, no once ideal da xornada de Who Scored

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

M.Moralejo

O salcedense foi un dos máis destacados do Celta no triunfo fronte ao Valencia

26 ago 2019 . Actualizado ás 21:40 h.

O céltico Denis Suárez estrea a representación viguesa nos onces ideais da xornada na tempada 2019/2020. O club celeste está representado na web especializada Who Scored, onde o salcedense, que brillou nos dous primeiros encontros desta nova etapa no club onde se formou, obtén unha cualificación de 7,8.

O porteiro dese once ideal é Cillessen, que precisamente detivo un penalti a Denis que non embazou a boa actuación do centrocampista. En defensa aparecen os dous xogadores do Atlético de Madrid Savic e Giménez xunto con Jordi Alba (Barcelona) e Capa (Athletic Club). No centro do campo figuran Carles Pérez (Barcelona) e Jordán (Sevilla), Ødegaard (Real Sociedade), mentres que os máis destacados en ataque foron Griezmann (Barcelona) e Morón (Betis).

Aínda que non lle acadou para estar no once, esta web dá unha nota de 7,7 ao Toro Fernández, segundo mellor céltico. Lobotka (7,1), o debutante Aidoo (7,1) e Néstor Araujo (7) tamén acadan o notable. Iago Aspas, Beltrán e Kevin quedan ás portas, todos eles con 6,9, e ningún céltico suspende . De feito, a nota máis baixa dos titulares é un 6,8 e compártena Rubén, Olaza e Brais. Os xogadores de refresco tampouco baixan do 6, nota que recibe Pape, mentres que Mina e Mallo reciben nos dous casos un 6,1.

Denis Suárez regresou ao Celta este verán procedente do Barcelona, que lle cedeu a pasada campaña ao Arsenal. Unha lesión xa superada tívolle un tempo parado e el mesmo recoñecía tras o partido ante o Valencia que apenas sente xa molestias tras eses problemas físicos. «Como me gusta Balaídos e a miña xente», escribía onte con fotos súas do partido, incidindo unha vez máis no feliz que se sente coa volta a casa.