Seis nenos saharauís acudiron a Balaídos con Siareiros Dezaos

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

CEDIDA

A pena con sede en Lalín converteu nunha tradición levar ao estadio a pequenos que pasan o verán na comarca grazas ao programa Vacacións en Paz

14 ago 2019 . Actualizado ás 10:01 h.

A pena con sede en Lalín Siareiros Dezaos viviu a súa refundación no 2012. Xa desde o ano seguinte, no 2013, levan a cabo o que se converteu xa nunha tradición: levar a Balaídos aos nenos saharauís que pasan o verán con familias da comarca que son simpatizantes do equipo vigués e membros da pena. Nesta ocasión o Memorial Quinocho fronte ao Lazio foi a ocasión elixida para que Hanun, Dunia, Mehdi, Nayem, Salem e Alí tivesen a oportunidade de sentir como se vive o fútbol no municipal vigués.

Todos eles son pequenos con idades comprendidas entre os 9 e os 15 anos que pasan estas semanas en Galicia a través do programa Vacacións en Paz de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, organización coa que a pena ten un gran vínculo a través de varios dos seus membros que impulsan esta iniciativa. A colaboración da Fundación Celta é clave tamén para facer realidade esta visita anual para uns nenos que viven en campos de refuxiados no Sahara.

Pablo Romeo é un dos membros de Siareiros Dezaos implicados nesta iniciativa. Destaca que algúns dos nenos visitaban Balaídos por primeira vez, mentres que outros repetían entusiasmados. «Para eles é algo novo poder estar nun estadio desas dimensións para vivir un evento coma leste», indica constatanto a ilusión e o entusiasmo que supón para eles poder participar de algo así. En moitos deles acaba calando o celtismo ao repetir varios anos, e o caso máis claro é o do seu socio de honra Lehbib Brahim.

O peñista destaca que máis aló do goce dos pequenos e de que se lles dea a posibilidade de vivir nunhas condicións mellores durante o verán, as súas estancias en Galicia tamén son importantes para concienciar da situación que teñen que seguir soportando. «De non ser polo feito de que veñen aquí non coñeceriamos dá mesma maneira polo que están a pasar», subliña.

Peñistas saharauís para Teixugos Celestes

Ademais de Siareiros Dezaos, tamén a pena Teixugos Celestes fomentou o celtismo entre os pequenos saharauís que pasan o verán en Galicia. No seu caso incorporaron como peñistas a Mrabih e Mohamed, pequenos que pasan estas semanas cunha familia de integrantes deste colectivo celtista dacabalo entre Vigo e Cangas.